
A música tradicional volve tomar o centro de Verín esta semana coa quinta edición das Xornadas Culturais de Música Tradicional Nova Era, unha cita xa consolidada no calendario estival da comarca. Organizadas pola Banda de Gaitas Nova Era, as xornadas celebraranse os días 1 e 2 de agosto, e contarán con actividades pensadas para público de todas as idades.
Este ano, a quinta edición quere poñer o foco nun dos sinais de identidade da música de raíz: o seu carácter comunitario. Pretende ser unha homenaxe a todas esas persoas —de todas as idades— que manteñen viva a música tradicional dende a resistencia cotiá. Xente que, malia os cambios vitais, as idas e voltas nas formacións ou os obstáculos do día a día, segue atopándose arredor dunha pandeireta, dunha gaita ou dun aturuxo. “Son elas quen tecen, ano tras ano, esa rede invisible que nos une, que lle dá sentido a isto”. Destacan dende a organización.
O 1 de agosto, a xornada comezará cunha actividade infantil de xogos e música na que participarán a Ludoteca Municipal, Cruz Vermella e FEMURO. Esa mesma tarde, a música tamén se desprazará a espazos de coidado e memoria, como o Centro de Día Raiola e a residencia Fogar de Santa María, onde as integrantes de Nova Era compartirán unha foliada pensada para espertar lembranzas, emocións e conversacións. Un xeito de recoñecer e celebrar a transmisión cultural entre xeracións, facendo da música tradicional unha ponte viva entre o presente e a experiencia.

O 2 de agosto, chegará un dos momentos máis agardados: os Cantos de Taberna, unha ruta musical que percorrerá diferentes establecementos do centro da vila da man de grupos como Candaira, A Flor da Xesta, Cantarela do Riós e a propia Nova Era. A actividade, que comezará arredor das 20:30 h, contará coa colaboración dos locais 12 1/2, Viñoteca Gandainas, A Peixería, Botánico, Tapería Rúa Maior, Oh Caruso e O Enredo, que volverán converterse en puntos de encontro entre música, veciñanza e visitantes.
As Xornadas Culturais Nova Era forman parte da programación anual coa que a banda achega a música tradicional á cidadanía, reivindicando a súa vixencia e capacidade de unión. Nun contexto no que Galicia vive un rexurdir do orgullo pola súa cultura popular, a iniciativa aposta pola recuperación da música como ferramenta de encontro, celebración e identidade.
Fotos cedidas.
