Ás 11:30 horas deste luns 5 de xaneiro as Súas Maxestades, Melchor, Gaspar e Baltazar comezaban un temperán percorrido polo concello de Vilamartín de Valdeorras, no vehículo de Protección Civil.
Entre néboa e con moito frío eran recibidos polos nenos de San Miguel de Outeiro, a primeira parada, que recollían os seus caramelos. De seguido os Reis Magos collían cara A Sobreira onde saudaban e entregaban bolsas con agasallos aos anciáns da residencia da terceira idade.
Despois continuaban o percorrido, acompañados polo alcalde Enrique Álvarez, por Vilamartín, Valdegodos (con visita á outra residencia), Córgomo, Portela e Arcos, antes de rematar no pavillón municipal do Bañadoiro onde están os nenos do campamento de Nadal.

Fotos: Mónica G. Bellver.