As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar continúan “en loita” en Viana do Bolo e, ademais, veñen de iniciar unha folga indefinida neste luns para pedir que se licite o prego do servizo. Nese marco, realizaban ao mediodía un novo acto reivindicativo na praza Maior da vila. Alí, as traballadoras lían e amosaban un manifesto que reúne as súas demandas e no que concretaban que “as nosas demandas son estritamente laborais, fuxindo dos partidos políticos e os seus cantos de sereas para utilizar o servizo do SAF como unha arma política”.
Din as traballadoras que “neste intre atopámonos coa negativa de chegar a acordos entre os partidos políticos, o que conleva unha situación de parálise total. Todos antepoñen os seus principios de partida por riba dos dereitos das traballadoras e dos propios usuarios do servizo”. E por iso, engaden, toman a decisión de ir á folga “por culpa da indefensión que nos produce ver como día tras día os polísticos do ente local non fan nada por remediar a problemática, tendo que acudir a unha folga que nos vai ocasionar perdas económicas nun salario xa precario e a falta de atención aos usuarios/as”.
As traballadoras conclúen o manifesto incidindo en que “non pedimos que asinen unha nova Constitución nin renuncien aos seus principios, pero si pedimos que se formule unha solución urxente para a situación xerada por culpa dos propios políticos”.
O SAF de Viana conta con 24 traballadoras e conta con 104 usuarios, en diferentes localidades do municipio. As traballadoras din que o servizo está en precario dende hai 3 anos e levan mobilizándose dende hai máis dun ano por esta licitación e para tratar de buscar unha solución. “Ata que eles non intenten solucionalo, nós non imos parar coa folga, levamos moito tempo esperando e fixemos todo o posible para non chegar a esta situación, pero non nos deixaron outra opción”, explican.
A licitación do prego é fundamental, resaltan, porque “sen licitación o contrato que hai coa empresa está en precario e as nosas condicións laborais son precarias tamén. Entón, sen que se licite nós non podemos protestar nin reclamar os nosos dereitos como traballadoras, porque o contrato que ten o Concello coa empresa, asínase mes a mes, non é un contrato firme dunha licitación. E levamos así moito tempo. O prego o Concello teno feito, pero o grupo de goberno está esperando que a oposición lle aprobe ese orzamento, e así vai pasando o tempo e ninguén nos dá unha solución”.
As traballadoras tamén matizan que “neste período de folga vanse respectar os servizos mínimos, por suposto. A xente que ten uns servizos mínimos que son prioritarios, vanse respectar”.
Fotos cedidas.