CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima horaVídeos

As tradicións musicais e as danzas de Panamá, Senegal e México, nas Xornadas de Folclore na Rúa

A actuación tiña lugar na noite do 16 de agosto no Aguillón rues. A XXIX edición das Xornadas de Folclore chega hoxe ás vilas de Trives e O Carballiño

 

A XXXIX edición das Xornadas de Folclore chegaban neste venres 16 de agosto ao ecuador da súa programación con actuacións na Rúa e en Allariz. A numerosa asistencia de público e os entregados aplausos ao remate das actuacións son a mellor mostra do éxito deste evento cultural. Arredor de 200 persoas, entre membros das agrupacións, técnicos de iluminación e son, persoal de montaxe e decoración, guías e membros da organización, fan posible cada noite os festivais en dúas vilas distintas da provincia.

As Xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

Os asistentes ao encontro no Parque do Aguillón de A Rúa descubrían o variado folclore que chega dende Panamá, Senegal e México, cos grupos Academia Andrés Valiente, Danza y Proyecciones Folklóricas, de Panamá, Ballet Jammu de Senegal e o Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya, México.

 

 

A agrupación procedente de Senegal, Ballet Jammu, que quere dicir “Paz”, é a máis pequena destas xornadas, con 15 compoñentes. Este ballet folclórico xurdiu en Dakar no ano 2008 e fusiona dúas ideas: facer un grupo de folclore estable e crear unha escola de música e danza. Neste grupo participan mozos músicos e bailaríns de todas as etnias de Senegal: Wolof, Bambara, Peul, Toutcouleur…

 

 

Nos seus espectáculos presentan as danzas máis tradicionais do Senegal como o Sabar ou o Djembe. Pero tamén coreografías con elementos de danza contemporánea, como “Africa”. As súas impresionantes danzas combinan movementos cheos de enerxía cunha espectacular acrobacia, baseadas no ritmo Mbalax. Este ritmo obtense dos tambores Sabar, empregados durante séculos polos Wolof do Senegal. O grupo, na súa corta existencia, obtivo prestixiosos galardóns, premios e condecoracións polo rigor nas investigacións das súas tradicións e o traballo realizado en prol da súa cultura e conservación e difusión da etnografía.

Os vistosos traxes tradicionais e as músicas e danzas da Fundación Ballet Folclórico de Nosa Colombia, Yuan Yuan Dance Group de Taiwán e Kud Srem de Serbia ocupaban o campo da Barreira en Allariz, a partir das 22,30 horas, para o deleite do público asistente.

 

 

O sábado 17 de agosto: Trives e O Carballiño

A XXIX edición das Xornadas de Folclore chega hoxe ás vilas de Trives e O Carballiño.
A Praza Maior de O Carballiño recibirá as agrupacións folclóricas de Panamá, Senegal e México, ás 22,30 horas.

Colombia, Taiwán e Serbia despregarán o seu folclore na Rúa de San Martín, en Trives. A partir das 22,30 horas.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Back to top button