
A XLI edición das Xornadas de Folclore celebrará o vindeiro luns, 10 de agosto, a súa cerimonia de inauguración no Teatro Principal de Ourense co acto de benvida ás seis agrupacións participantes, a través do tradicional desfile de bandeiras e coa actuación do grupo de baile Castro Floxo, da Escola provincial de Danza. Será ás 20,30 horas.
Preto de 170 artistas procedentes de Armenia, Ecuador, México, Serbia, Taiwán e Senegal percorrerán ata o 20 de agosto 16 vilas da provincia ourensá para amosar a riqueza do seu folclore a través da danza e a música.
A partir do martes, os grupos percorrerán os concellos de Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia.
As formacións que amosarán o seu talento este ano son Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center, de Armenia; Elenco Ñukanchik, de Ecuador; Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua, de México; Folk Dance Group “Tucović”, de Serbia; YiTzy Folk Dance Theatre, de Taiwán; e Ballet Jammu, de Senegal. Este último país substitúe á agrupación Kikwetu Afrika Music and Dance Group de Kenya, que non pode participar por problemas de última hora.
Dúas actuacións por noite
Cada noite, dúas agrupacións amosarán en cada vila os seus espectáculos, de carácter gratuíto, agás o martes, 18 de agosto na Praza Maior de Ourense e o mércores 19 de agosto, no Auditorio do Castelo de Ribadavia, onde actuarán os seis grupos xuntos, antes da partida definitiva das delegacións o día 20.
Este festival internacional está organizado pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes concellos que acollen este evento.
O programa desta edición das xornadas pode consultarse aquí xornadas-folclore-2026-08-03-web