Do 3 ao 5 de outubro as XLII Xornadas Científicas da Sedeck (Sociedad Española de Espeleología y Ciencias del Karst) estanse a desenvolver baixo o título “Cuevas y karst en Galicia: Geoparque Mundial de la UNESCO Montañas do Courel” neste xeoparque do sur lucense.
O punto de partida do seu programa era unha visita ao Centro de Interpretación da Minería Aurífera de San Clodio (Ribas de Sil) o día 3 e neste sábado 4 proseguía na Casa da Cultura de Quiroga cunha serie de relatorios. O inaugural da xornada viña da man do concelleiro do Medio Rural e Medio Ambiente de Quiroga, Luis Manuel Arias, e do presidente do Xeoparque Montañas do Courel, Roberto Castro, que daban a benvida aos asistentes. O presidente da Sociedad Española de Espeleología y Ciencias del Karst, Policarp Garay Martín, apuntaba que estaban encantados de estar no Xeoparque Montañas do Courel, sendo neste territorio a primeira vez que se celebraban estas xornadas en Galicia.
Entre os relatores da mañá deste sábado figuraban a paleontóloga Aurora Grandal, da Universidade da Coruña, quen falaba sobre a “paleobioloxía dos osos pardos e cavernarios nas covas do Courel”; Arturo de Lombera, da Universidade de Oviedo, quen daba a coñecer os resultados das investigacións na Cova Eirós sobre os Neandertais e Sapiens no macizo do Monte Penedo; Roberto Hermida, biólogo da Asociación de Morcegos de Galicia, quen falaba sobre os morcegos e as covas de Galicia; e Javier Moldes, GES Club Alpino Ourensán-Manzaneda e radiomakers.org, que explicaba a comunicación subterránea en alta frecuencia.
As sesións continuaban pola tarde abordando os Pseudokarst e as covas en rocas plutónicas de Galicia, da man de Marcos Vaqueiro, do Club de Espeleología A Trapa e Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal (Universidad de Coruña). Despois, Augusto Pérez-Alberti, da Universidade de Santiago de Compostela, centrábase na cartografía e a caracterización do paleokarst do Val das Mouras. Como broche da xornada visitábase o Museo Xeolóxico de Quiroga.
Para o domingo está prevista unha saída de campo con dúas alternativas: a visita á cova do Ceza ou a visita ao centro de interpretación das covas de Meiraos, e ao exokarst Val das Mouras.
As actividades de outono no Xeoparque Montañas do Courel continúan , para o sábado 11 de outubro está prevista unha Xeorruta, “Xeoloxía baixo a Devesa da Rogueira. E os día 24 e 25 de outubro acollerase unha reunión da Comisión de GeoArqueologia de la Sociedad Geológica de España.
O mes de novembro comezarase o día 8, dentro do programa dos sabores das nosas rochas: XXXVI Festa da Castaña do Courel. Tamén se desenvolverán dúas xeorrutas co ferro como protagonista; a primeira o día 8 baixo o título “Da mina a ferrería” e a segunda o día 22 centrada nas “Pontes de ferro e pazos de viño”.
Fotos: RTM Quiroga.