Nesta primeira fin de semana de novembro estanse a celebrar as XXV Xornadas Micolóxicas do Club Montaña Trives que comezaban oficialmente na tarde do venres coa posta en marcha do X Concurso da Tapa Micolóxica na que participan 12 establecementos de hostalaría trivesa.

O programa continuaba a primeira hora deste sábado cunha nova charla sobre micoloxía a cargo da asociación Os Cogordos, no IES Xermán Ancochea Quevedo, e unha hora despois era o momento de saír ao monte para recoller cogomelos.

En torno ás 14:30h. servíase un xantar gourmet micolóxico no Restaurante La Viuda de Trives. E xa pola tarde procedíase á clasificación dos cogomelos recollidos, no patio da Casa Grande e, seguidamente, a Banda de Gaitas Os Trinstas poñía música ao evento, dando paso á Caniceira que un ano máis era a encargada de inaugurar a exposición cunha obra de teatro na que denuncianan os lumes deste verán. Esta mostra poderá visitarse ao longo da xornada de mañá, de 10 a 20 horas.
Mañá ás 18 horas e neste mesmo lugar (o patio interior da Casa Grande de Pobra de Trives) realizarase a entrega de trofeos aos establecementos participantes do concurso de tapas. Ao final farase o sorteo dos participantes.


Fotos: Cedidas e Carlos G. Hervella.
Vídeo: Carlos G. Hervella.