
A empresa Cafersa vén inaugurar neste 29 de setembro as súas novas instalacións en Riodolas (Carballeda de Valdeorras), nun acto que reuniu a representantes das distintas administracións públicas, do sector da lousa, empresarios e traballadores, así como a unha salientable representación do grupo alemán Rathscheck Schiefer, ao que pertence a compañía.
Durante a inauguración as autoridades asistentes podían coñecer de primeira man as características da nova fábrica e as melloras incorporadas nos distintos procesos de elaboración da lousa, xa que se incluía unha visita guiada polas instalacións. No seu decurso mostraron as diferentes fases do proceso produtivo, desde o serrado e o labrado ata a selección e o embalado do produto final. Así mesmo, presentábanse as solucións implantadas para reforzar a seguridade e a saúde dos traballadores, optimizar as condicións de traballo e aumentar a eficiencia e produtividade da planta.
O xerente de Cafersa, Daniel León González, destacaba o carácter estratéxico deste proxecto e o importante esforzo realizado pola compañía para facer realidade unhas instalacións que, nas súas palabras, representan “un auténtico salto ao futuro para o noso sector”. Así mesmo, resaltaba a aposta da empresa pola innovación e a modernización dos procesos produtivos, poñendo especial énfase nas melloras tecnolóxicas implantadas para reforzar a seguridade e a saúde dos traballadores, así como nas solucións orientadas a incrementar a eficiencia e a competitividade da fábrica.
Durante a súa intervención, Daniel León facía fincapé en que as novas instalacións incorporan as tecnoloxías máis avanzadas do sector, con especial atención á seguridade e a saúde laboral. “Os máis modernos avances técnicos cos que conta esta fábrica representan un fito para a nosa industria, ao permitir mellorar significativamente as condicións de traballo e a eficiencia”, afirmou.
Tamén poñía en valor o carácter aberto e evolutivo do proxecto, concibido para seguir adaptándose ás necesidades da compañía e aos retos futuros do sector. Neste sentido, sinalaba que Cafersa quixo que a inauguración fose moito máis que un acto institucional, ofrecendo aos asistentes a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento das novas instalacións e as innovacións incorporadas a cada unha das fases do proceso produtivo.
Logo do percorrido polas instalacións tiña lugar o acto de clausura, que pechaba Pablo Fernández, director xeral de Planificación Enerxética e Minas, quen se refería ao papel da lousa como unha materia prima “esencial para Galicia” e a súa importancia como “un dos motores da nosa economía. Hoxe comprobamos que tradición e innovación son perfectamente complementarias nun sector que se está modernizando e que segue sendo punteiro. Esta nova nave é un referente no sector da minería e demostra a capacidade das nosas empresas para seguir avanzando, incorporando innovación e mellorando os seus procesos.”
Vila poñía ademais o foco “no compromiso coa seguridade” por parte de Cafersa e agradecía “que non limiten os seus investimentos neste ámbito”. “A modernización e a competitividade do sector deben ir sempre acompañadas dunhas condicións de traballo cada vez máis seguras”.

Unha aposta pola seguridade e a produtividade
Durante clausúraa do acto, Daniel León destacou que a nova planta constitúe “unha mostra de como serán a maioría das instalacións do noso sector nos próximos anos” e puxo en valor o importante esforzo investidor realizado pola compañía para facer realidade este proxecto.
O xerente de Cafersa falaba tamén do impacto que estas melloras terán no futuro da empresa e do emprego. “Os avances en materia de seguridade e saúde laboral son extraordinarios. Do mesmo xeito, a mellora da produtividade resulta fundamental para seguir crecendo, reforzar a nosa competitividade e consolidar e incrementar o noso persoal”.

Respaldo do grupo Rathscheck Schiefer
A inauguración contaba cunha salientable representación da matriz alemá de Cafersa, Rathscheck Schiefer, cuxos directivos se desprazaron ata Valdeorras para acompañar ao equipo da compañía nunha xornada especialmente significativa para o futuro da empresa. Daniel León agradecía expresamente o respaldo recibido por parte do grupo alemán e destacaba a importancia que supón para Cafersa formar parte dunha corporación cunha sólida traxectoria no sector da lousa.
Durante o acto de inauguración, tomaban a palabra o CEO do Grupo Rathscheck, René Schmitz, e o seu director de Operacións, Andreas Jäger. Ambos directivos alemáns suliñaban o respaldo permanente a Cafersa e ao sector da lousa, así como o seu compromiso co desenvolvemento da compañía. Así mesmo, expresaron o seu orgullo polas novas instalacións, que, segundo sinalaron, representan “un gran avance en materia de seguridade e produtividade”.
A presenza dos representantes alemáns puxo de manifesto o firme compromiso do grupo co proxecto desenvolvido por Cafersa e a súa aposta por continuar avanzando na modernización das instalacións e dos procesos vinculados á transformación da lousa.
A inauguración servía tamén “para reafirmar o firme compromiso de Cafersa con Valdeorras e co futuro da industria louseira. A nova fábrica representa un novo fito na traxectoria da compañía e un paso decisivo no seu proceso de transformación e crecemento, reforzando a súa aposta por unhas instalacións máis seguras, eficientes e preparadas para responder os retos presentes e futuros do sector”, resaltan dende a compañía.
Fotos cedidas.
