A Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) vén de concentrarse un xoves máis, neste 13 de novembro, ás 11h. diante do Hospital Público de Valdeorras no Barco. “Seguimos na loita”, dicía o presidente da asociación, José Rodríguez, quen criticaba novamente a xestión do director do Distrito Sanitario do Barco, Alberto Pedrera, “non imos volver falar con el porque non ten sentido. Pedimos a súa dimisión porque non é capaz de xestionar este distrito nin atender as demandas”.
José Rodríguez tamén lamentaba que a xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco non se queira reunir coa asociación e anunciaba que “xa que non queren vir a manter unha xuntanza con nós aquí, pois iremos nós a Ourense e alí nos plantaremos ata que nos reciban”.
Ademais lembraba que está prevista unha manifestación para o vindeiro 22 de novembro ás 18h. en defensa dunha “sanidade pública e de calidade” para este distrito sanitario.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.