SanidadeÚltima horaVídeos

Asilival anuncia un outono quente de mobilizacións para pedir un servizo de neumoloxía no Hospital do Barco

 

A Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) intensificará este outono as súas mobilizacións para pedir que se dote ao Hospital Público de Valdeorras, no Barco, dun servizo propio de neumoloxía. Anunciábao o seu presidente, Jose Rodríguez, na concentración que a entidade convocaba este xoves 24 de setembro xunto ao hospital. “Imos seguir na loita e coa nosa reivindicación, imos cambiar as formas e elevar o tono”, aseguraba.

No decurso da concentración tamén explicaba que medran os datos de afectados por silicosis en Valdeorras, indicando que hai 72 novos casos no 2025, citando, aseguraba, datos do Instituto Nacional da Silicose de Oviedo, matizando que tamén no Bierzo se está a experimentar un crecemento, se ben non o cuantificaba.

Jose Rodríguez informaba así mesmo de que o Valedor do Pobo vén de contestar ao escrito que lle presentaba Asilival para poñer no seu coñecemento a falta de resposta da Consellería de Sanidade as súas peticións de información.

 

 

Por outra banda, Rodríguez comunicaba que a vindeira semana non se fará a concentración o xoves diante do hospital, pero si vai haber unha nova mobilización, indicando que o seu día está por concretar e que se anunciará previamente aos socios.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Back to top button