Segundo o previsto, tras o parón de Semana Santa e a asemblea de socios celebrada o martes no Edificio Multiusos do Barco, Asilival retomaba as mobilizacións e na mañá deste xoves 9 de abril xuntaba a un bo número de persoas diante do Hospital Público Valdeorras para seguir reclamando un pneumólogo para Valdeorras.
“Estamos vetados. A xerencia de área non quere recibirnos, polo que o seguinte paso será o día 30 cando iremos á Deputación para vernos as caras”, aseguraba o presidente de Asilival diante dos asistentes referíndose á moción que presentarán no Pleno a través do BNG e do PsdeG-PSOE.
“Alí verémonos con todos os partidos políticos e instaremos á Consellería a que nos reciba”, asegurou o representante da asociación. “Seguimos pedindo un pneumólogo para Valdeorras porque non nos queda outra”, dixo, adiantando que o vindeiro xoves volverán cortar a estrada. “Iremos ata o Concello polo que se hoxe hai aquí moita xente, ese día debería haber máis, non só polo pneumólogo que nós necesitamos, senón pola Sanidade en xeral. Ou a xente sae á rúa ou isto vai pechar porque queren centralizalo todo en Ourense”, asegura o presidente de Asilival.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.