“Queremos un neumólogo para Valdeorras!”. Berrando esta consigna comezaba e remataba a concentración que a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) celebraba, un xoves máis ás 11h. diante do hospital do Barco. O seu presidente, José Rodríguez, volvía expoñer a situación na que se atopan as persoas afectadas por esta enfermidade na comarca e a necesidade de contar cun neumólogo permanente no hospital valdeorrés.
“Temos que seguir loitando por un especialista, nós queremos un neumólogo pero tamén unha sanidade de calidade en xeral para todo o mundo porque no hospital do Barco faltan moitos especialistas máis como un urólogo ou un cardiólogo. Nós somos moitos, pero hai moitas outras patoloxías que están desatendidas na comarca. Todo o que nos contan son mentiras”, sinalaba José Rodríguez que animaba a unha mobilización social de cara a revindicalos e, nese senso, a participar na manifestación en defensa da sanidade pública que está prevista para o vindeiro sábado 22 de novembro ás 18h. “Esta situación só a podemos mellorar de dúas maneiras, unha delas é saír á rúa para reivindicar melloras, e a outra é votando”.
Por outra banda, José Rodríguez anunciaba que despois da manifestación, Asilival ten previsto convocar a unha asemblea aos seus asociados e ás súas familias de cara a decidir novas accións reivindicativas pero xa na cidade de Ourense.
Fotos: A.R.