Un neumólogo permanente no Hospital Público de Valdeorras. Era a reivindicación que volvía a escoitarse na concentración que un xoves máis convocaba a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival), diante do citado centro hospitalario.
O seu presidente, José Rodríguez, explicaba durante este acto que se mantiña onte unha reunión entre o comité centro a dirección de distrito e a xerencia de área no hospital do Barco na que se lles informaba de que non ía haber neumólogo fixo porque “na zona só hai casos de silicosis de grao 1” para sorpresa dos membros da asociación.
Neste senso, Asilival pretende levar a súa demanda ante a xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, é dicir, á capital da provincia co fin de facer oírse. “O director do Distrito do Barco non nos resolve nada, nós temos que seguir pelexando por un neumólogo para Valdeorras, onde tamén fan falta outros especialistas como cardiólogos, urólogos, pediatras, mesmo médicos de cabeceira. Pensamos que non é nada difícil converter unha praza de medicina interna orzada na dun neumólogo, é unha cuestión de vontade política”.
Neste senso, está convocada unha asemblea da asociación para o vindeiro mércores 3 de decembro ás 19h. no Multiusos do Barco con fin de concretar os detalles dos actos reivindicativos que se levarán a cabo en Ourense. “Entre todos imos falar de todo isto, imos elevar o tono das nosas protestas porque estanse rindo de nós”, dicía José Rodríguez, quen botaba en falta máis xente nova nas concentracións “os mozos pensan que non van enfermar, pero os casos seguen saíndo neste ano 2025, pese ás medidas de prevención que hai”.
A concentración concluía entre aplausos e coreando a petición pola que se convoca: “Queremos un neumólogo para Valdeorras”.
Fotos e vídeo: O SIL.