
A directiva da Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) mantiña esta mañá un novo encontro con representantes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco para abordar a elaboración dun protocolo específico para esta enfermidade no distrito sanitario barquense. Na xuntanza participaban o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Santiago Camba; e o director do Distrito Sanitario do Barco, Alberto Pedrera.
Despois da xuntanza, celebrada ás 12h., o presidente de Asilival, Jose Rodríguez, aseguraba que “non se chegou a ningún acordo, non nos presentaron ningún tipo de borrador do protocolo, nin documentos para poder presentar a asemblea, porque dinnos que non lles deu tempo de redactalo e que seguen niso”. Ante isto, continúa Rodríguez, “nós propuxémoslles un acordo de mínimos que sería traer un neumólogo para o Hospital do Barco 5 días á semana. Ese é o noso plantexamento e dixéronnos que nun prazo de 15-20 días nos responderán”.
Esta é xa a terceira reunión mantida entre Asilival e os responsables da área sanitaria ourensá para abordar a situación da atención aos enfermos de silicose en Valdeorras.
Dende a xerencia da área sanitaria din que o protocolo asistencial da Unidade de Enfermidades Pulmonares Instersticiais Difusas e Consulta Monográfica de Silicose “está xa elaborado de acordo ao compromiso alcanzado”. Tamén se indica que “o proceso diagnóstico das EPID (Enfermidades pulmonares intersticiais difusas) é complexo e precisa dun estudo multidisciplinar onde neumólogos, radiólogos, patólogos e outros especialistas expertos avalíen as sucesivas probas realizadas ao paciente. A evolución variable destas enfermidades ou a aparición de nova sintomatoloxía durante o curso da enfermidade fai que en ocasións deba reformularse o diagnóstico inicial”.
En liña cos especialistas a dirección asistencial da área sanitaria ourensá entende que “o manexo destas enfermidades débese abordar desde unha perspectiva multidisciplinar e integral. Establecendo como se dixo na primeira reunión un circuíto asistencial que contemple as necesidades de cada paciente, escalando a súa atención ao servizo e centro que corresponda. Sempre facilitando que se realicen no hospital máis próximo ao paciente o máximo número de probas posibles”.

Asemblea de Asilival o 29 de marzo
O encontro coa área sanitaria ourensá será un dos asuntos que Asilival abordará na súa primeira asemblea como asociación, prevista para o sábado 29 de marzo ás 18h. no edificio Multiusos do Barco. “Nós exporemos o que se falou na reunión e será a asemblea quen decidirá o que faremos a partir de agora”, explica o presidente da entidade, que anima aos afectados pola silicose a asistir a esta xuntanza.
Fotos cedidas.