En portadaSanidadeÚltima horaVídeos

Asilival: “Imos seguir na loita por un neumólogo en Valdeorras, é unha cuestión de saúde pública”

A Asociación de Silicosis de Valdeorras celebraba esta mañá unha concentración diante do hospital do Barco e valora novas mobilizacións

 

“Imos seguir na loita, imos mirar polos nosos intereses pero tamén polos de moitas outras persoas que non están aquí e que necesitan o seguimento dun neumólogo, esta é unha cuestión de saúde pública”. Era unha das mensaxes nas que incidía o presidente da Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival), Jose Rodríguez, na concentración que esta entidade convocada ás 10:30h. deste 3 de xullo diante do Hospital Público de Valdeorras, no Barco. Asilival nacía a comezos deste ano 2025 cun obxectivo central: dotar a este centro sanitario dun neumólogo que lle permita ter un seguimento ás persoas afectadas por esta enfermidade, así como con outras respiratorias.

Ademais o presidente informaba aos asistentes de que, polo de agora, a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco non se puxo en contacto con eles, tal e como se acordara despois da reunión que mantiña con Asilival na semana pasada. “Seguimos esperando e imos darlles un marxe de tempo”, comenta Rodríguez. Novamente explicaba que dotar ao hospital deste e doutros especialistas “é unha decisión política. Ademais aseguraba que o hospital atópase nunha situación moi delicada, citando como exemplos que “non hai radiólogo e o servizo de Medicina Interna, con 10 prazas, só ten cubertas 4, e un deles está de vacacións”.

 

 

Pero iso a asociación vai continuar a mobilizarse. De feito, acordábase neste mesmo acto celebrar unha nova concentración na semana que vén, tamén diante do hospital. E a directiva de Asilival valorá novas accións reivindicativas, tanto noutros puntos de Valdeorras, como fóra da comarca, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ou mesmo en Santiago.

Neste senso, pedía unha maior implicación social, tendo en conta, dicía, o alto grao de afectación que a silicose ten na comarca de Valdeorras. “Pedimos máis implicación da xente nova, moita pensa que non vai enfermar, sen embargo, a realidade é que hai moitos casos novos e tamén en persoas xoves, isto vai in crescendo”, engadía.

 

 

José Rodríguez tamén matizaba que a asociación non está, en absoluto, en contra do sector da lousa “nós non queremos pechar as canteiras, vivimos diso e as nosas familias viven diso”, pero si destacaba a importancia de traballar na prevención e tamén na necesidade de contar cunha asistencia e seguimento especializado da silicose e outras enfermidades respiratorias no Barco.

Outra das cuestións que se expoñían na concentración, por parte dos asistentes, era a necesidade “dunha maior implicación dos alcaldes e dos concellos, que os políticos se mollen polos seus veciños, que tamén mobilicen a xente”. Dende a asociación respondíase que está a manter contactos cos concellos, se ben, “lamentablemente, por agora, non vemos apoios dos gobernados polo PP”. O presidente de Asilival tamén pedía un apoio e implicación dos sindicatos sanitarios, “no hospital hai 6 sindicatos representandos pois consideramos que tamén é fundamental a súa colaboración”.

Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

 

 

Back to top button