
Despois da nova feita pública onte dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco en relación a que Valdeorras conta xa cunha unidade para tratar a silicose e enfermidades pulmonares, dende a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) vén de emitir un comunicado no que manifesta que “non comparte a idea de que ten unha unidade para tratar a silicose e que esta localizada en Ourense, como tampouco compartiría a idea de que Valdeorras ten unha unidade de transplante pulmonar localizada na Coruña”. A asociación insiste en que o seu obxectivo é “a consecución dun servizo de neumoloxía localizado no distrito de Valdeorras con dotación especifica tanto humana como de recursos materiais e con prazas orzadas” e considera “unha falta de respecto á poboación afectada pola silicose esta decisión unilateral do SERGAS”.
Ademais esta asociación asegura que “non renuncia a reiniciar as conversacións coa Xerencia de Area coa intención de acadar o seu obxectivos de ter unha unidade de pneumoloxía no distrito”. Tamén anuncia que ten previsto iniciar “contactos cos distintos concellos do Distrito Sanitario para acadar en sesión plenaria a súa axuda cara a obter o tan necesario servizo de pneumoloxía. Asi mesmo iniciará os trámites e preparativos necesarios para realizar concentracións e mobilizacións cidadáns cara a obtención do servizo de pneumoloxía no distrito”.
Por outra banda, Asilival “non descarta a unión estratéxica con sindicatos ou organizacións políticas de calquera cor co obxectivo de acadar o servizo de pneumoloxía no noso distrito” e pide “o apio cidadán no Distrito de Valdeorras porque a nosa saúde non é un negocio, é un dereito”.