A concentración que cada xoves convoca a Asociación de Silicosis de Valdeorras ás 11h. diante do Hospital Público de Valdeorras para pedir un neumólogo permanente neste centro, convertíase neste 30 de outubro nunha manifestación.
Tras concentrarse fronte ao centro hospitalario o presidente da asociación, José Rodríguez, pedía, novamente, a dimisión do director do Distrito Sanitario, comentando que seguen solicitando que se responda aos escritos presentados pola asociación, os asistentes cortaban a estrada xeral da vila e encamiñábanse por ela en dirección á praza do Concello do Barco.
Durante o percorrido berraban consignas como “Queremos un neumólogo para este hospital”, “Queremos especialistas neste hospital”, “Non ao desmantelamento do hospital” ou “Pedrera dimisión”.
Xa na praza do Concello do Barco, José Rodríguez agradecía a participación, sinalaba que faltaba moita xente, pero animaba a seguir na loita “para conseguir un neumólogo, porque é un dereito non un privilexio”. Lembraba tamén que a Plataforma Sanitaria de Valdeorras está preparando unha manifestación de cara ao 22 de novembro en defensa dunha “sanidade pública e de calidade” na comarca.
Fotos e vídeos: O SIL.