ConcellosÚltima horaVídeos

Asilival pide no pleno do Barco un servizo de pneumoloxía no hospital valdeorrés, dotado de especialistas e equipos

O seu presidente interviña ao final da sesión de maio, facendo uso do regulamento de participacion cidadá, para recabar o apoio da Corporación ás demandas desta entiade

 

A Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) vén de expoñer no pleno ordinario do Barco, celebrado na tarde do 8 de maio, a súa “petición de axuda para acadar un mellor tratamento aos pacientes do Distrito Sanitario de Valderras, afectados de silicose”. Facendo uso do regulamento de participación cidadá do Concello do Barco, o presidente de Asilival, Jose Rodríguez, facía uso da palabra ao completarse a orde do día da sesión plenaria, tras rogos e preguntas.

“Para nós tería sido doado falar cun concelleiro ou concelleira dun dos grupos políticos representados no Pleno do Concello, e que esta petición fose presentada como moción, e por tanto tratada en pleno e votada pola corporación municipal. Mais nós cremos que algo tan importante como a defensa da saúde dos habitantes dun concello, a mellora da saúde pública  a mellora da calidade de vida en xeral, non debera ser cousa que puidera ser considerada como liderada por determinada opción política, senón que debera aparecer como proxecto común xurdido do que poderiamos definir como un procedemento de participación cidadá”, tal e como sinalaba na súa intervención Rodríguez.

 

 

A partir de aí, o presidente de Asilival explicaba que a silicose é “unha enfermidade pulmonar crónica causada pola inhalación prolongada de po de sílice cristalina; está englobada dentro das pneumoconioses xunto a outras como a asbestose, a antracose ou a siderose. Para ser diagnosticada precísase dun diagnóstico de neumopatía intersticial difusa xunto a unha historia laboral de exposición, mais un patrón radiolóxico e a exclusión doutras patoloxías que expliquen os signos e síntomas das persoas afectadas”. E matizaba que, como afecatados por ela, “sabemos e coñecemos de primeira man con toda a dureza do proceso, é que non podemos respirar. A vida é cada día mais complicada, cada día se nos fai mais difícil a realización das actividades básicas da vida diaria”.

 

 

Na súa exposición, o presidente de Asilival, tamén botaba man das estatísticas para contextualizar que supón a silicose en Valdeorras, comparativamente co resto de Galicia e mesmo do conxunto de España. “Se collemos os datos publicados polo Instituto Nacional de Silicose (INS) ao longo dos anos 2012 a 2023, nos referidos aos novos casos de silicose rexistrados no INS, vemos que a maior parte deses casos proceden de Galicia (un total de 943), máis do dobre de Asturias (405), máis que Castela e león (613) e case multiplicando por tres os novos casos acumulados xuntando as catorce comunidades autónomas que faltan (349) . É por tanto Galicia a que máis casos novos leva aportado dende o 2012. Se miramos que provincia da Galiza aportou mais casos novos vemos que é Ourense con 567 casos. Os datos publicados do INS non comarcalizan a procedencia deses casos, pero se miramos o sector laboral que mais casos aportou na Galicia vemos que foi a lousa con 607 casos, e se falamos de lousa falamos de Valdeorras”.

 

 

Asimesmo, incidía na escaseza de estudos específicos sobre a silicose na comarca e na “ausencia de rexistros fiables e datos actualizados “a prevaleza da silicose nos distintos concellos do Distrito Sanitario de Valdeorras ocasionou xa a petición da CIG á xerencia de distrito dun estudo observacional descritivo de corte transversal en tódolos cupos médicos existentes nos diferentes concellos do distrito”. Neste senso, o presidente de Asilival amosaba o seu escepticismo sobre a realización dese estudo, “aínda sabendo que os estudos epidemiolóxicos son unha ferramenta incuestionable para a resignación de recursos sanitarios”.

Considera Asilival que a silicose en Galicia “está infradiagnosticada” e considen “inasumible” a forma na que se trata aos afectados por esta enfermidade no Distrito de Valdeorras. Neste senso, plantexaban ao pleno do Concello o seguinte acordo: o “recoñecemento da silicose como grave e importante problema de saúde no Distrito Sanitario de Valdeorras” e que se “curse solicitude á Conselleria de Sanidade da creación do servizo de pneumoloxía no Hospital Público de Valdeorras, dotando ao Hospital de Valdeorras de prazas orzadas de persoal facultativo especialista en pneumoloxía suficientes para a realización de consultas diarias, así como a dotacion tecnolóxica precisa para levar a cabo a actividade cotiá dun servizo deste tipo”.

A súa exposición remataba entre aplausos dos membros da Corporación e, con ela, poñíase fin á sesión plenaria.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

Back to top button