Un xoves máis Asilival nas rúas. Na mañá deste 21 de maio a asociación de afectados por silicose concentrábase na praza de Viloira, diantes da Casa Grande, en demanda dun pneumólogo para o hospital comarcal de Valdeorras.

“Estamos diante da sede da Xunta de Galicia na comarca de Valdeorras, polo tanto da Consellería de Sanidade, que é o que nos interesa a nós, o lugar onde se poden presentar as reclamacións sanitarias e onde debería ver o conselleiro de Sanidade de cando en vez a facer unha visita, entre outros”, dixo o presidente de Asilival ante os manifestantes, explicando que o luns remitiranlle un escrito para solictar unha reunión. “Iremos directamente a el e segundo dicta a lei o conselleiro ten 45 días de prazo para respondernos”, dixo, asegurando que “non sabemos se esperará ata o último día ou directamente non non responderá pero o escrito vaise meter este luns na Consellería de Sanidade, en Santiago”.

O presidente de Asilival tamén avisa de que cada vez hai menos servizos no hospital do Barco. “A dermatóloga está de baixa e en lugar de substituíla derivan á xente a Ourense”, dixo, asegurando unha vez máis que eles só piden un médico en condicións e que seguirán traballando para conseguilo e tamén coas concentracións. O vindeiro xoves ás 11 horas, de novo diantes do Hospital Público Valdeorras.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.