
Na demanda de conseguir un neumólogo permanentemente no Hospital Público de Valdeorras segue insistindo a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) que celebraba unha asemblea esta tarde de 18 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco. Os socios decidían van retomar as concentracións diante hospital barquense unha vez á semana, que se interrompían no verán. A primeira delas está convocada para o 25 de setembro ás 11h. “Se non seguimos loitando isto vaise”, comentaba o presidente da asociación, José Rodríguez. A primeira destas concentración terá lugar o próximo xoves 25 de setembro ás 11h. Ademais valoraban a posibilidade de organizar outro tipo de mobilizacións.
O presidente de Asilival tamén informaba de que a directiva ten unha reunión pendente coa xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco porque “parece ser que puxeron un neumólogo cada 15 días no hospital e Asilival non sabe nada, non se puxeron en contacto con nós. Na última reunión o director asistencial, Eloy Sánchez, quedou en seguir mantendo o contacto con nós. E nós temos unha xuntanza pendente e imos seguir en negociacións”.

Outra das cuestións que acordaban era reunir aos alcaldes de Valdeorras e de comarcas próximas como Viana do Bolo nunha asemblea cos socios para expoñerlle as demandas da asociación e tratar de formar unha coalición entre os concellos.
Por agora “temos o apoio a través de acordos plenarios dos Concellos do Barco, A Rúa, Petín, O Bolo, Vilamartín e Viana do Bolo. Imos tamén contactar con outros concellos da comarca. Imos traballar de cara a poder celebrar esa reunión”, comentaba José Rodríguez, quen lembraba tamén a presenza dalgúns dos rexedores nas concentracións no hospital.

Fotos cedidas.