“¡Queremos un servizo de Neumoloxía para Valdeorras!”. Era a consigna na que insistían, un xoves máis, os participantes na concentración convocada pola Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) diante do Hospital Público de Valdeorras no Barco.
O presidente desta entidade, José Rodríguez, lembraba que levan xa un ano e medio na rúa manifestando esta demanda, lamentaba que as autoridades sanitarias non se reúnan coa asociación e agradecía o apoio das persoas que durante este tempo estiveron sempre apoiándoos, cunha lembranza especial ao concelleiro do Barco, Manuel Agra, que nesta ocasión por unha cuestión persoal non puido estar.
Así mesmo, o presidente de Asilival anunciaba que durante o mes de agosto non se celebrarán concentracións e que se retomarán a partir de setembro, en concreto a primeiros de mes. Tamén se prevé realizar unha asemblea da entidade no Multiusos do Barco para tomar decisións de cara a futuras accións e nela plantexarase a necesidade de subir o tono das mobilizacións.
Fotos: A.R.
Vídeo: O SIL.