En portadaÚltima hora

Asilival retomará as mobilizacións no Barco en xaneiro e organizará unha concentración no hospital de Ourense

Ademais, durante o mes de decembro iniciará unha recollida de sinaturas para pedir un servizo de neumoloxía para o hospital do Barco

 

A Asociación Silicosis de Valdeorras (Asilival), que nacía hai apenas un ano co fin de conseguir un neumólogo permanente para o hospital do Barco, reunía aos seus socios na tarde do 3 de decembro nunha asemblea na que se facía balance das actuacións, xestións e reinvidiacións desenvolvidas ata o momento por esta entidade, que preside José Rodríguez.

Entre os asuntos que se analizaban e acordaban no encontro estaba o de paralizar durante o que resta de decembro e ata pasar o Nadal as concentracións que se veñen celebrando semanalmente diante o Hospital Público de Valdeorras, no Barco. “Faremos unha paradiña e retomarémolas despois de Reis, ademais volverán a realizarse pola mañá”, tal e como avanzaba o presidente.

Ao mesmo tempo, decidíase organizar tamén no ano novo unha concentración diante do Hospital Universitario de Ourense. “Temos que seguir pelexando para obter un servizo de neumoloxía en Valdeorras, un especialista e tamén o equipo necesario para que se poida facer o seguimento das moitas persoas que temos esta enfermidade”, lembraba o presidente, quen expresaba tamén a sensación de abandono que senten os valdeorreses tanto no eido da atención neumolóxica como na doutros especialistas. “Nós non somos conflitivos, simplemente estamos reivindicando os nosos dereitos por saúde. Hai que seguir loitando por isto, non nos queda outra”.

 

 

Outra das decisións que se tomaba na asemblea era a de recoller sinaturas de apoio para dotar dun servizo de Neumoloxía para o Hospital Público de Valdeorras. Iniciarase unha recollida nos diferentes concellos do Distrito do Barco de Valdeorras coa idea de despois entregarllas á Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

Na reunión tamén se valoraba o traballo realizado ata agora pola asociación e o presidente chamaba a seguir adiante co obxectivo de lograr unha atención dun especialista na comarca para os afectados pola silicosis. O encontro pechábase cun aplauso.

Fotos: O SIL.

Back to top button