SanidadeÚltima hora

Asilival segue concentrándose para pedir un neumólogo permanente no Hospital de Valdeorras

 

Un xoves máis a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) volvía concentrarse ás 11h. na entrada ao Hospital Público de Valdeorras, no Barco, en demanda dun neumólogo permanente neste centro sanitario. O seu presidente, Jose Rodríguez, indicaba que están pendentes de manter unha xuntanza co Clúster da Pizarra de Galicia e tamén teñen outra solicitada coa Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

Lembraba que hai case un ano que a asociación iniciaba as súas mobilizacións e que xa se foron conseguindo melloras como é o feito de que agora veñan unha vez á semana dous neumólogos ao hospital, algo que hai un ano non se facía. “Pero temos que seguir na loita para conseguir un neumólogo todos os días”. Tamén lamentaba que na visita que realizaba o pasado mes o conselleiro de Sanidade á comarca non se reunise con Asilival. “Vén a falar de silicosis, pero non conta con nós, resulta algo chamativo”.

Rodríguez destacaba que esta enfermidade “non é unha broma, hai xente que ten que estar conectada a unha máquina para respirar, e non temos un tratamento, nin sequera temos aquí un médico”. E iso, nun contexto de “malas comunicacións con Ourense”.

O presidente de Asilival facía un chamamento á seguir mobilizándose para lograr avances e a participar cada xoves nas concentracións que se van seguir mantendo ás 11h. diante do Hospital de Valdeorras.

Fotos e vídeo: O SIL.

 

Back to top button