Cunha concentración diante do Hospital Público de Valdeorras (HPV), no Barco, a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) volvía deixar patente na rúa a súa reivindicación: que este centro hospitalario se dote dun neumólogo que poida facer o seguimento das persoas afectadas por esta enfermidade e por outras doenzas respiratorias.
Numerosas persoas secundaban a concentración, que se iniciaba ás 10:30h., e na que tamén participaban representantes sindicais e representantes municipais de concellos como O Barco, A Rúa e Vilamartín.
Durante este acto reivindicativo, o presidente de Asilival, José Rodríguez, daba conta das últimas xestións realizadas pola asociación de cara a conseguir os seus obxectivos. Explicaban que onte reuníanse de urxencia no hospital co director asistencial da área sanitaria e tamén co director do Distrito do Barco, pero que non houbo avances. Ademais criticaba o xeito no que os responsables sanitarios se referían á demanda dun neumólogo. “Compárannos con nenos que queren un xoguete, e nós nin somos nenos nin pedimos un xoguete, pedimos un neumólogo, un médico, penso que non é algo que se poida comparar”, dicía o presidente.
Ademais na xuntanza tamén insistían en que se realice un estudo epidemiolóxico para coñecer exactamente cal é a incidencia da silicose por concellos na comarca. Así mesmo, José Rodríguez explicaba que valoraba positivamente que o Sergas se manteña aberto a continuar as negociacións con Asilival.
Por outra banda, o presidente desta entidade comentaba que tamén se reunían nestes días con responsables do Clúster da Pizarra de Galicia, unha xuntanza que cualificaba de “frutífera, ofréceronnos a súa colaboración”.
Finalmente, José Rodríguez anunciaba que continuarán coas mobilizacións e que se celebrará unha nova concentración o vindeiro xoves, 3 de xullo, diante do hospital, pero a hora está aínda por concretar. A partir de aí, se non hai avances, non descartan organizar algún tipo de acción reivindicativa fóra da comarca, en Ourense ou mesmo en Santiago.
Fotos: A.R.
Vídeos: O SIL.