Á entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco, retomábanse ás 11h. deste 29 de xaneiro as concentración da Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) para pedir un servizo de Neumoloxía para este centro hospitalario.
No decurso desta acción reivindicativa, o presidente da entidade, Jose Rodríguez, explicaba que onte varios representantes da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, desprazábanse onte ata o hospital valdeorrés, “intentamos reunirnos con eles, pero non queren falar con nós, hai unha negativa total”. Co que si lograban falar, tal e como indicaba, era o director do Distrito Sanitario do Barco, Alberto Pedrera, pero “non sabe non contesta, tampouco nos responderon a ningún dos escritos que lles presentamos, e entón estamos estudando as medidas a tomar nos próximos días de cara a seguir loitando polas nosas demandas”.
Rodríguez lamentou tamén que na visita que neste mesmo mes de xaneiro realizaba o conselleiro de Sanidade a Valdeorras, acompañado co xerente da área ourensá, para visitar o hospital e para reunirse co Clúster da Pizarra de Galicia, non se reunise con Asilival. “Non contaron cos afectados, algo que tampouco entendemos. E esta é a situación que temos , entón nós seguimos na nosa loita e imos ver as medidas que imos tomar”.
O que si está decidido é que ao longo do mes de febreiro vanse manter cada xoves ás 11h. concentracións diante do hospital do Barco.
Fotos cedidas.