SanidadeÚltima hora

Asilival valora a recente visita do conselleiro de Sanidade a Valdeorras

Ademais insiste na necesidade de dotar ao Hospital do Barco dun servizo de Pneumoloxía

Imaxe dunha concentración anterior no hospital valdeorrés./ Foto cedida.

 

Despois da visita que onte realizaba a Valdeorras o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival), que preside Jose Rodríguez, vén de emitir unha nota de prensa na que valora as súas declaracións e lamenta que non se lles convidase a poder reunirse con el, malia ser “unha parte afectada deste problema sanitario”.

Con respecto á posibilidade que anunciaba o conselleiro de realizar tanto os exames como os informes de recoñecemento da enfermidade profesional da silicose polo Sergas, dende Asilival comentan que “esta demanda non parecía ser factible nun principio cando tanto autoridades políticas locais e asociacións, como Asilival, fíxolla chegar, tanto á Dirección como á Xerencia da Área de Ourense, ademais de a toda unha ristra de autoridades, que fixeron oídos xordos á devandita demanda”.

Por outra banda, Asilival amosa “o apoio unánime e absoluto a toda medida que supoña a recuperación da calidade sanitaria na nosa comarca e polo tanto, en calquera zona. Pero ao que non están dispostos tanto esta asociación, como a poboación da comarca, así como os traballadores das institucións sanitarias da mesma, é ao enmascaramiento dun mitin político con propostas pouco realistas a curto prazo, e que enchen as notas de prensa”.

Para Asilival, “a cobertura neste hospital é insostible, en parte pola precariedade en canto ás negociacións sanitarias e a procesos de ocupación de postos moi opacos. O pertencer a unha área, como hospital comarcal pequeno prexudicounos, contradicindo todo o pactado cando este acordo asinouse. Esgotan aos profesionais, coa consecuencia dunha asistencia menoscabada ao paciente, tanto en medios como en dedicación. E iso pódeno comprobar, en canto á asistencia da que se enorgullecen en declaracións con respecto aos enfermos de Silicose. É coñecido por parte da Xerencia, os nosos esforzos que durante meses estivemos realizando, a través de concentracións para conseguir un Servizo de Pneumoloxía, que faga un seguimento en condicións neste hospital. Tras varias reunións e baleiros por parte da dirección do centro e Xerencia de Ourense, conseguiuse: un protocolo de enfermería ´pantasma’, un facultativo que vén pasar consulta, cada quince días (iso durante uns meses), agora subiron a dous facultativos, pero co inconviente de realizar as probas no Hospital de Ourense, pois este non está adaptado. Pois ben, a nosa consulta é: queren traer ‘unha delegación’ do Instituto de Silicose a Galicia, esperamos que preto, algo bo”, pero lembran, “seguimos no noso Hospital, sen un servizo de Pneumoloxía que atenda como debe ser aos seus pacientes na zona. Quérenlle evitar a viaxe a Oviedo; E o de Ourense? Creo que este é o máis factible de quitar”.

Tamén indica Asilival que “os pacientes con enfermidades respiratorias, deben pasar a maioría das probas en Ourense. Vostedes dirannos, ¿como é que comunican aos medios que temos cuberta as necesidades dos pacientes con enfermidades respiratorias, entre eles os da silicose, se os obrigan a acudir a outro centro, ao que tamén teñen que desprazarse, co inconveniente que supón iso de diñeiro e tempo, sen contar se un, pódeo ou non asumir?”.

Finalmente, Asilival pide que se escoite as demandas dos pacientes e que se pregunte para saber “cales son as súas carencias e que propostas necesita para poder ter a mellor cobertura sanitaria”. Por iso, instan “ás institucións, calquera coa que queira reunirse e que represente realmente os intereses do paciente, o noso interese colectivo, para negociar o que vostedes declararon á prensa. Que non quede no tinteiro”.

Back to top button