En portadaÚltima horaVídeos

Asilival volve a concentrarse diante do hospital do Barco e pide a dimisión do director deste Distrito Sanitario

O vindeiro xoves volverán reunirse diante deste centro hospitalario en demanda dun neumólogo permanente nel

 

“Seguimos na loita porque fomos conseguindo cousas, imos avanzando”. Era a mensaxe na que insistía o presidente da Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) na concentración que, un xoves, convocada esta entidade diante do hospital do Barco para pedir un neumólogo permanente neste centro sanitario. “Agora xa ven cada 15 días un neumólogo pola mañá, supostamente vai vir outro pola tarde, pero o noso obxectivo é que veña un a diario, seguimos niso, non nos imos  baixar de aí”.

O presidente de Asilival na súa intervención referíase á anunciada creación da Unidade de Silicose da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, “coa que se dicía que había unha enfermeira xestora de casos no Hospital de Valdeorras. Como puidéstedes comprobar o xoves pasado, cando entramos para anotarmos, aí non hai enfermeira de ningún tipo, iso é mentira” e ofrecía datos sobre o número de casos na comarca.

 

 

Ademais, daba conta dos escritos que se lle teñen presentado á xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco dende a Asilival, un total de dez, concretaba, tanto para pedir información como para solicitar unha reunión. “A súa resposta é silencio, non responde a nada, silencio administrativo, sexa si ou sexa non, penso que deberían respondernos. Eu intentarei que me respondan, insisterei e tratarei de reunirme con eles”.

Nese senso, José Rodríguez continuaba dicindo que “o que nos queda é pedir a demisión do director do Distrito Sanitario, Alberto Pedrera, xa que non fai o seu traballo. Cando un asume unha responsabilidade e non a sabe xestionar, se non é capaz de dirixir este hospital, eu creo que debe irse á súa casa e darlle paso a outra persoa”. A continuación as persoas concentradas berraban “Pedrera demisión”.

 

 

“Estamos ante unha decisión política que nos está afectando sanitariamente. Hoxe temos aí un compañeiro ingresado que dende a ventana do hospital nos está apoiando e que o único que lle están facendo é poñerlle osíxeno, nada máis. O caso é que non nos atenden, que deixen de mentir e que dean a cara”, comentaba o presidente de Asilival.

Así mesmo realizaba unha nova convocatoria para a concentración do vindeiro xoves 30 de outubro. “É importante seguir concentrándonos e que nos vexan aquí. Finalmente, explicaba que na pasada semana reactivábase a Plataforma Sanitaria de Valdeorras e que se prepara unha gran manifestación de cara ao 22 de novembro “pola sanidade en xeral, porque xa non é só o neumólogo, é que nos falta de todo, estamos abandonados e cada día máis, por máis escritos que se meten e se segue intentando, e non hai maneira”.

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Back to top button