
O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago Camba Bouzas, vén de asinar o Acordo de Xestión 2026 co Servizo Galego de Saúde, que establece as liñas estratéxicas dos centros sanitarios públicos da provincia para este ano, con tres liñas prioritarias no eido asistencial: Mellora dos tempos de acceso, atención a saúde mental e coordinación asistencial.
Así, entre os obxectivos prioritarios destacan a redución dos tempos de acceso á atención sanitaria, tanto para intervencións cirúrxicas como en consultas e probas diagnósticas, coa finalidade de garantir unha atención máis áxil e acorde coa prioridade clínica dos pacientes. Neste eido, establécese como meta o cumprimento do 100% dos tempos máximos de espera establecidos pola Lei de garantías, asegurando que ningún paciente supere os prazos legais para recibir atención sanitaria.
En liña co Acordo de Xestión 2026 que vén de asinarse, a Área Sanitaria de Ourense afondará na planificación estratéxica, de mellora asistencial e redución dos tempos de acceso, que este pasado ano comezou a dar resultados, logrando reducir en 20 días a espera media, para as primeiras consultas, e en 8 días para intervencións cirúrxicas, o que sitúa a Ourense por debaixo da media galega, co seu mellor dato dos últimos 5 anos.
Outro dos eixos fundamentais do Acordo de Xestión 2026 é o impulso da integración asistencial, reforzando a coordinación entre atención primaria e hospitalaria. No documento do acordo recóllese o aposta por modelos asistenciais integrados, programas de atención a domicilio como TELEA, a implantación de rutas clínicas compartidas e o uso da nova historia clínica electrónica (IANUS 5), como ferramenta clave para mellorar a continuidade asistencial e a seguridade do paciente.
A Saúde Mental
A potenciación da atención á saúde mental ocupa tamén un lugar destacado entre as prioridades, segundo informa Sanidade. O acordo recolle medidas para mellorar a accesibilidade, mediante o uso das novas tecnoloxías, cos novos recursos dispoñibles na nova versión da historia clínica electrónica (IANUS5) como a videoconsulta; a implantación dunha vía rápida para a atención do risco de suicidio tanto en adultos como en poboación infanto-xuvenil, e o reforzo da continuidade asistencial tras a alta hospitalaria, co obxectivo de reducir reingresos e mellorar a calidade da atención ás persoas con trastorno mental grave.
Esta priorización da saúde mental vén da man do incremento de recursos, como a creación da Unidades de Prevención ao Suicidio Infanto Xuvenil, e aumento de persoal especializado, para as unidades, así como a próxima incorporación de psicólogos en Atención Primaria, tres en Ourense.

Recursos humanos
En canto á xestión económica e de recursos humanos, a Xunta de Galicia incrementou, segundo apunta Sanidade, o orzamento do Sergas para 2025 nun 5,1 %, alcanzando os 5.458 millóns de euros, dos que 2.300 m se destinan a persoal, un aumento do 6 % respecto a 2025. Esta inversión permitirá a ampliación de prazas e a estabilización dos cadros de persoal, atendendo así ás necesidades dos máis de 43.700 profesionais da sanidade pública.
Oa principaia compromisoa no eido dos Recursos humanos serán, tal e como indica a consellería, a mellora da saúde laboral, a reducción da temporalidade, e a estabilización de persoal. Neste aspecto, no último ano, convocáronse procesos de estabilización, para diversas categorías de persoal sanitario e de xestión e servizos, o que permitiu a consolidación de numerosos profesionais na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.
Estas medidas buscan reforzar a estabilidade no emprego e reducir a temporalidade mediante a incorporación de novo persoal fixo en distintas categorías profesionais do ámbito sanitario galego.
O acordo tamén inclúe obxectivos en materia de recursos económicos, orientados a garantir a sustentabilidade do sistema sanitario público galego, mediante a utilización axeitada e racional dos recursos asignados, establecendo para elo unha avaliación rigurosa e e continua da eficiencia do gasto.
Este Acordo de Xestión 2026 reflicte o compromiso da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras coa mellora continua da atención sanitaria, a eficiencia na xestión e a humanización dos servizos, en liña coas directrices establecidas polo Sergas para o conxunto de Galicia.