SanidadeÚltima hora

Asociación Bicos de Papel, de apoio á oncoloxía infantil, presenta a súa primeira gala solidaria en Ourense

No sur de Galicia diagnostícanse anualmente unha media de 25 casos de cancro infantil e ao redor de 160 nenos e nenas permanecen a seguemento dos que ao redor dun 20% son de Ourense

 

A Asociación Bicos de Papel, de apoio aos nenos con enfermidades oncolóxicas e ás súas familias, vén de presentar no Hospital Universitario de Ourense a súa I Gala Solidaria, que terá lugar o vindeiro 7 de novembro no Teatro Principal, para recabar fondos para a súa obra social, orientada ao apoio das familias e nenos a tratamento de cancro no Hospital Alvaro Cunqueiro, referencia para a atención oncolóxica pediátrica das areas sanitarias de Vigo e Ourense, Verín e Valdeorras.

No sur de Galicia diagnostícanse cada ano arredor de 25 novos casos de cancro infantil, con predominio de tumores do sistema nervioso central e sarcomas óseos. Uns cinco destes casos corresponden a nenos e nenas da provincia de Ourense. Actualmente, 160 menores permanecen en seguimento, un 20% deles ourensáns, e máis de 20 están en fase de tratamento activo no Hospital de Día de Oncoloxía Pediátrica.

Aínda que o cancro infantil non se pode previr, o diagnóstico precoz é clave, e hoxe o índice de supervivencia en España supera o 82%, cunha tendencia ascendente.

Unha gala para sumar apoio e esperanza

A I Gala Solidaria contará co humorista Peter Punk, as actuacións musicais de Besbellos e Os Tres Porquiños, as coreografías da Escola de Danza Catro Pasos e a enerxía de Estudio Repenica. A presentación correrá a cargo do xornalista de Radio Popular COPE Juan Maceiras.

O importe íntegro das entradas (8 euros) destinarase á obra social da asociación. As entradas poden adquirirse a través da web www.bicosdepapel.org .

Natalia Dieste, directora de Bicos de Papel, explicou na presentación que a entidade naceu en 2017 “da unión de familias que recibiramos o diagnóstico de cancro nun dos nosos fillos, que decidimos xuntarnos e traballar para mellorar esas as necesidades que detectamos”.

Ademais do impacto emocional, os ingresos ou tratamentos son moitas veces longos, de incluso dous meses, polo que os desprazamentos ou estanzas fora do domicilio supoñen un verdadeiro reto tanto a nivel persoal como económico e laboral ara as familias afectadas, non só desde Ourense a Vigo, senón tamén aquelas que deben acudir a centros de referencia nacional en Madrid ou Barcelona, as que asociación tamén oferta orientación e apoio económico.

Casa de acollida xunto ao hospital

A directora da asociación explica que o obxectivo inicial foi ofrecer actividades de lecer adaptadas para os nenos inmunodeprimidos. “Pero axiña comprendemos que había familias que tiñan que desprazarse durante longos períodos para recibir tratamento, as veces de ata dous anos, como ocorre coas leucemias”, por elo explica Dieste “Se xa é unha situación moi dura para calquera familia, para quen se ten que afastar do seu fogar é moito máis complicado. Por iso decidimos dar un paso máis e abrir unha casa de acollida xunto ao hospital”.

Desde a súa apertura, en 2017, máis de vinte familias ourensás fixeron uso desta vivenda, que adoita estar ocupada de forma continuada. Ademais, a asociación ofrece apoio psicolóxico para nenos e familias; un programa pioneiro de rehabilitación de secuelas físicas tras os tratamentos e axudas económicas para desprazamentos e estadías, incluso en centros de referencia fóra de Galicia. “O noso obxectivo non é só a supervivencia, senón mellorar a calidade de vida e acompañar as familias en todo o proceso”, destaca Dieste.

A asociación en Ourense

Beatriz González, veciña de Dacón (Maside) e nai dun neno diagnosticado de cancro, está especialmente implicada nesta primeira gala en Ourense “Cando chegamos ao hospital Alvaro Cunqueiro atopamonos con Bicos de Papel. Ofrecéronnos a casa de acollida e foi algo moi positivo, porque estabamos a vivir un momento moi duro e ver que hai xente que che axuda sen pedir nada a cambio é moi emocionante.” subliña.

O xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Universitario de Ourense, Santiago Fernández Cebrián, quixo tamén sumarse ao chamamento “Bicos de Papel realiza unha labor marabillosa coidando as familias ourensás e de todo o sur de Galicia que teñen fillos con enfermidades oncolóxicas. Anímovos a todos a asistir á gala o 7 de novembro no Teatro Principal.”

Pola súa parte a facultativa de urxencias e presidenta do Colexio Oficial de Médicos de Ourense, Pilar Garzón, expresou o apoio da organización colexial “Queremos contribuír coa nosa presenza, e apoio e tamén cunha gala benéfica que terá lugar o 22 de novembro. Será un musical baseado nas cancións de Disney, realizado por profesionais sanitarios. Toda a recadación de ambas galas irán destinadas a Bicos de Papel.” Garzón salientou “a importancia dunha iniciativa que visibiliza a solidariedade e o compromiso do persoal sanitario e da sociedade ourensá cunha causa tan necesaria”.

 

Back to top button