SanidadeÚltima hora

Asociacións de pacientes visten de Nadal o Hospital Público de Valdeorras

Membros de MOREA, ASFAVAL e DISVALIA decoraron estes días a entrada principal do hospital e as consultas de psiquiatría

 

Un ano máis, as asociacións de pacientes da comarca aportan o seu tempo e solidariedade para vestir de Nadal o Hospital Público de Valdeorras, axudando a transformar os espazos nunha contorna máis amable nestas datas.

Membros da Asociación de Familiares e Enfermos Mentais MOREA decoraron as consultas de Psiquiatría, mentres que ASFAVAL (Asociación de Familiares de Personas con Discapacidade Intelectual de Valdeorras) e DISVALIA (Asociación de Persoas con Discapacidade de Valdeorras Asociadas) centraron os seus esforzos na decoración da entrada principal do hospital.

As tres asociacións están moi vencelladas a labor social na bisbarra. Morea no apoio a persoas con enfermidade mental e ás súas familias, ofrecendo atención, rehabilitación psicosocial e programas de formación e inclusión. Pola súa parte ASFAVAL e DISVALIA centran os seus esforzos no coidado de persoas con discapacidade intelectual de Valdeorras, facilitando recursos como centros ocupacionais e de día, apoio familiar e actividades integradoras, ademais de dar visibilidade as súas necesidades e dereitos.

Esta iniciativa solidaria da visibilidade ao traballo das entidades sociais da comarca e o seu compromiso coa saúde e a inclusión, á vez que se promove a participación cidadá e a inclusión social, a través do voluntariado e das actividades lúdicas e creativas.

 

 

Concurso de Decoración

A esta contribución desinteresada, únese estes días a de numerosos profesionais do centro, poñendo o seu grao de area, tempo e imaxinación para decorar unidades de hospitalización, consultas e salas de espera, contribuindo así a facer mais levadeiro o paso dos pacientes polo hospital, e tamén o traballo dos profesionais nas datas festivas.

Ao fío desta tradición, durante a pandemia o Servizo de Humanización e Atención ao Paciente puxo en marcha o Concurso de Decoración de Nadal, coa idea de “facer invisibles as paredes do hospital”, para premiar o esforzo dos profesionais dos centros da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e a súa implicación cos pacientes en circunstancias tan extraordinarias.

Cada ano crece máis a participación, polo que da visita presencial do xurado – de varios días para ver todas as áreas- pasouse a unha avaliación por medio do envío de vídeos ou fotos. Os premiados reciben un recoñecemento máis ben simbólico, como diplomas, pequenas agasallos ou mencións especiais, que subliñan o traballo en equipo e orixinalidade.

O certame, no que o Hospital Público de Valdeorras ten un papel destacado, acada este ano a súa sexta edición, é moito máis que estética ou decoración, xa que supón un exercicio de humanización sanitaria, de complicidade entre profesionais e pacientes, e de visibilidade do carácter comunitario do hospital, especialmente nestas datas.

 

Back to top button