Combina movementos cheos de enerxía cunhas espectaculares acrobacias e cun ritmo que se obtén cos tambores de Sabar, empregados durante séculos polos Wolof de Senegal. O Ballet Jammu, que nacía en Dakar no 2008, é “froito dun ambicioso proxecto no que se fusionan dúas ideas: a de facer un grupo de folclore estable e, á vez, escola de música e danza”, asegura o seu creador e director, Ass Ndiaye, griot e fillo do percusionista Demba Dieye Ndiaye.
Neste grupo participan xoves músicos e bailaríns das diferentes etnias de Senegal e nos seus espectáculos presentan as danzas máis tradicionais deste país africano como o Sabar e o Djembe, así como coreografías con elementos de danza contemporánea. “Grazas á arte da danza encontramos aquí o sentido do nome do grupo, Jammu, que significa “paz”, na cal todos os pobos africanos se vén reflexados en harmonía”.
O Ballet Jammu é unha das seia agrupacións participantes nas XXXIX Xornadas de Folclore de Ourense, que están a levar as tradicións de danza e música de diferentes partes do mundo a diversas localidades da provincia. Este grupo senegalés conta con diferentes recoñecementos e ten actuado en diversas partes de España, ademais de en países como Alemaña, Bulgaria, Suíza, Italia, Portugal ou Chile.
¿E a primeira vez que o seu grupo participa nas Xornadas de Folclore?
Non, xa estivemos aquí hai dez anos.
¿Que propostas traen nesta ocasión para o público das xornadas?
Unha delas é a “danza de Sabar”, moi popular en Senegal e que baila toda a xente, por exemplo, cando nace un meniño, cando hai unha festa importante… Báilana dende nenos pequenos ata persoas maiores. É un baile que se soe interpretar en todo tipo de festas, moi popular e que a todo o mundo lle gusta.
Tamén traemos a “danza de Kuku”, a “danza de liberdade” e a danza “do home forte”. Esta última interpretábana os guerreiros cando se preparaban para loitar contra outra tribo e os hombres tiñan que demostrar a súa forza e a súa valentía mentres son aclamados polas mulleres, que lles veñen a traer bebidas, e todo o mundo quere ir cos guerreiros.
¿Que significa a música e a danza para un senegalés? ¿ata que punto forma parte da súa vida?
Senegal é un país onde o que máis se vive é a danza. Con ela e cun pouco de auga e alimento as persoas xa son felices. Cando terminan de facer algo, sempre acaban cunha festa. Por exemplo, convócase unha reunión para falar coa xente e esta remata en baile, terminan felices. Ou vas ao campo a pola colleita e iso acaba en baile, calquera cousa que se fai… Tamén hai cerimonias tradicionais cando falece alguén, iso tamén se acompaña co baile. Senegal é un país no que todo o que se fai, ata o fútbol, remata en baile.
¿A percusión é a base da súa música?
Si porque a percusión somos nós, somos griots, é dicir xograres, sabemos tocar e cantar dende pequenos. Cando morre alguén, cando hai festa ou cando nace un neno, os griots tocamos e cantamos para darlle a benvida, para anunciar e comunicar esa noticia ao pobo.
O meu pai é griot e somos como unha especie de etnia e antes tíñase a fama de que un griot non podía casarse con outra persoa que non o fose. Agora mesmo son os que teñen máis poder, todo o mundo quere casar cun griot, pero o que ganan hoxe, cómeno hoxe, mañá non sabes o que vai pasar, e sempre a casa chea de nenos e a cantar e a bailar, pero nunca pensamos no mañá, é así.
Senegal é un país que soa, pero, ¿pensa que se coñece a súa cultura?
Senegal coñécese polo tema do fútbol, do rallie Dakar… pero a súa cultura chega pouco. E iniciativas como estas xornadas de folclore permiten que a cultura senegalesa, a través da música e de iniciativas como esta, poida chegar, e o ritmo e logo o baile é moi bonito.
E estar aquí tamén nos encanta. Desde que chegamos a Ourense todos os lugares polos que pasamos están contentos e nós tamén porque o público é moi acolledor, sempre aplaudindo e acompañando, a min gústame moito.
Texto: A.R.
Fotos: O SIL.