
Baixo o lema da visibilidade e a inclusión, a Asociación de Asperger e Trastornos do Espectro Autista de Valdeorras (ASTEAVAL) vén de dar a coñecer o seu programa de eventos para conmemorar o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo 2026. A asociación, que representa e apoia ás familias e persoas autistas da área sanitaria de Valdeorras, promove catro grandes iniciativas para tinguir de azul e de compromiso a provincia durante o mes de abril.
Son as seguintes:
Un movemento de luz e concienciación: O eixo central das celebracións será a iniciativa “En Azul”, que busca mobilizar á cidadanía en actos simbólicos de gran impacto visual:
-
- Ourense en Azul (1 de abril): A xornada comezará na capital provincial cunha andaina desde o Parque de San Lázaro ás 21:00h ata As Burgas, onde se procederá á lectura dun manifesto conxunto.
- Valdeorras en Azul (2 de abril): O propio Día Mundial do Autismo, a cita será ás 21:30h diante do Concello do Barco. ASTEAVAL convida a toda a veciñanza a acudir con elementos luminosos azuis para participar nunha concentración masiva que, ademais do edificio consistorial por parte do concello, iluminen a vila desa cor.

Educación e Formación: A Mirada do Outro: Máis alá do simbolismo, ASTEAVAL aposta pola información especializada coas xornadas “Autismo: A Mirada do Outro”, que terán lugar o sábado 11 de abril ás 16:00h no Salón de Actos do Concello do Barco (3a planta). Estas charlas, de acceso libre, contarán coa participación de expertas como Jennifer Rodríguez Guijarro (Traballadora Social), Marián Guitián Sarria (Mestra e Nai) e Ester Pérez Ribada (Emprendedora TEA), concluíndo cunha mesa redonda e debate.
O compromiso das aulas: “Os coles de Valdeorras co Autismo”: Unha das accións máis innovadoras de ASTEAVAL para este ano implica directamente á comunidade educativa. Centros de ensino da comarca foron convidados a participar nunha actividade creativa: a formación dun símbolo do infinito (representativo da neurodiversidade) composto polo propio alumnado e profesorado. As imaxes destas formacións formarán parte dunha publicación especial en redes sociais e prensa o día 2 de abril para dar voz aos máis novos.

Sobre ASTEAVAL
ASTEAVAL é unha asociación sen ánimo de lucro con sede no Barco de Valdeorras dedicada á defensa dos dereitos e a mellora da calidade de vida das persoas con TEA e as súas familias. A través do apoio directo e a sensibilización social, traballan para que a neurodiverxencia sexa entendida como unha parte fundamental da diversidade humana.