A Denominación de Orixe Valdeorras vén de participar o luns 3 de novembro no evento Experiencia Verema Sevilla 2025, ao que asistía con 24 viños amparados das adegas da comarca, 19 deles brancos e os restantes 5, tintos.
Esta cita, que recalaba en Sevilla por oitava vez, e que cumpre 25 anos de historia, desenvolvíase no Hotel Alfonso XIII da capital andaluza, durante oito horas intensas de cata, nas que participaba “un público moi diverso, desde afeccionados, ata sommeliers, restauradores, distribuidores, e todo tipo de profesionais do sector do viño”. Así o explicaba o presidente da D.O. Valdeorras, Marcos Prada, que destacaba “a enorme riqueza que este tipo de eventos confire aos viños de Valdeorras”.
Uns viños, que como aseguraba Prada “tiveron moi boa aceptación” por parte de “xente que xa os coñece e traballa con eles, sobre todo os elaborados con uva godello”. Así mesmo, o presidente do CRDO Valdeorras incidía en que o lugar escollido para celebrar o showroom, un edificio histórico inaugurado en 1928 que se atopa situado entre a Puerta de Jerez, o Palacio de San Telmo e a Fábrica de Tabacos de Sevilla, “foi un contexto idóneo” no que celebrar “unha xornada intensa de traballo de promoción dos nosos viños”.

Verema
Con máis de 123.000 usuarios rexistrados, Verema é a comunidade de afeccionados ao viño e á gastronomía de fala hispana máis visitada.
Os usuarios desta plataforma poden participar en foros de debate, en blogs, introducir notas de cata de viños, licores, cervexas e aceites, asistir aos múltiples eventos que organiza, descubrir viños con excelente relación calidade-prezo, participar en catas virtuais, publicar ofertas ou demandas no taboleiro de anuncios, valorar hoteis e casas rurais, consultar distribuidores de viño, etc.