Nova cita coa gastronomía barquense na vindeira semana. Co afán de dinamizar a economía local e reforzar a oferta gastronómica da comarca porase en marcha do 8 ao 16 de xaneiro a XV Ruta de Pinchos “O Barco Vai de Viños”, ao mesmo tempo que se pon en valor a hostalaría local. Este evento no que participarán 33 establecemento, permitirá aos asistentes gozar dunha ruta gastronómica único polos establecementos hostaleiros do Barco, á vez que se potencia o consumo local e a interacción social.
A iniciativa, organizada polo Concello do Barco, a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) e o Centro Comercial Aberto, presentábase esta mañá no Multiusos. Así durante dez días (do 8 ao 16 de xaneiro), os visitantes poderán percorrer os bares e restaurantes do Barco, onde se servirán petiscos exclusivos a un prezo único de 3 euros.

Na implicación dos hostaleiros, “fundamental para que este evento siga medrando e consolidándose anos tras ano”, facía fincapé durante o acto o presidente de AEVA, Carlos Terán, destacando o seu “compromiso, esforzo e creatividade”. Terán tamén indicaba que se trata dunha ruta pensada para “desfrutar sen presas nin formalismos, percorrendo os establecementos, compartindo gastronomía e conversa, descubrindo novos sabores e apoiando ao sector hostaleiro, unha forma diferente de vivir O Barco e de reforzar o consumo local. Dende AEVA confiamos en que esta edición volva ser un éxito de participación e consolidación, reforzando o seu papel como un dos eventos gastronómicos de referencia da comarca e como ferramenta real de apoio á economía local”.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo do Barco, Alba Rodríguez, referíase ás características principais desta edición, facendo énfase na accesibilidade da ruta grazas ao prezo do petisco (3 euros) e a distribución por zonas temáticas. “Esta ruta goza de boa saúde xa que cada ano crecemos en participantes e iso é tamén un bo síntoma do funcionamento da nosa hostalaría. Estamos a falar dunha cita gastronómica que xunto coa Festa do Botelo son as máis importantes da nosa vila”.
Como na anterior edición, a ruta estará dividida en seis zonas, cada unha delas representada por unha variedade de uva propia de Valdeorras: Godello, Mencía, Garnacha, Sousón, Treixadura e Merenzao. Os participantes poderán percorrer cada zona e descubrir os petiscos máis innovadores creados polos hostaleiros locais.
Ademais, serán os propios clientes os que voten os petiscos que máis lles gustaron, non haberá xurado profesional. Para iso, deberán selar o seu boletín de participación en cada unha das seis zonas e depositalo nas urnas habilitadas nos establecementos (será necesario cando menos un selo de cada unha das zonas, é dicir, seis). Ao final da ruta, entre todos os boletos válidos, sortearanse ceas para dúas persoas en distintos restaurantes, indicaba a edil, que enumeraba un a un os establecementos desta edición da ruta.
Deseguido interviña o presidente do Barco Centro Comercial Abero (CCA), Jacobo Arias, que explicaba o funcionamento da ruta e o sistems de participación a través dos boletos. “Entre todos os boletos participantes (con selos das seis zonas) sortearanse ceas en distintos restaurantes”. Ademais haberá un premio para aqueles que suban unha foto dun petisco da ruta ás redes sociais e consistirá nunha cesta de produtos gastronómicos. “As imaxes que máis gústame obteñan, recibirán o premio, e este coñecerase o 22 de xaneiro”.
Pola súa banda, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, resaltaba o impacto positivo deste evento tanto na economía local como na vida social da vila, destacando a colaboración entre as administracións públicas e o tecido empresarial para facer posible esta cita gastronómica. “A Ruta de Pinchos O Barco Vai de Viños é unha mostra do que podemos lograr cando traballamos xuntos. É unha oportunidade para vivir a gastronomía do Barco e Valdeorras e fortalecer a nosa identidade”, aseguraba.
O rexedor cualificaba a ruta como “a ponte de conexión entre o Nadal e o Botelo, é dicir, enchemos un baleiro que quedaba entre esas dúas datas na hostalaría. Esa continuidade é importante”. E convidaba á veciñanza e aos visitantes a achegarse á ruta, con petiscos “que resultan moi elaborados e apetecibles”.
Deste xeito, desde o 8 ata o 16 de xaneiro, O Barco transformarase nun punto de encontro para veciños e visitantes. As zonas delimitadas polas variedades de uva, xunto cos petiscos creados especialmente para esta edición, ofrecen unha maneira única de gozar da gastronomía da comarca mentres se percorre a vila. Sen présas, sen formalismos, simplemente deixando que o sabor e a conversación marquen o ritmo do percorrido.

Para máis información sobre os establecementos participantes, os petiscos dispoñibles e as normas de participación, os interesados poden consultar as redes sociais ou acudir aos folletos informativos dispoñibles nos locais.
Os establecementos participantes nesta edición son:

Premios dos votos participantes:

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.
