ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Ata agora retiráronse máis de de 1.200 metros cúbicos de entullo na Bouza (Viana do Bolo)

O delegado da Xunta e o deputado provincial de Medio Ambiente visitaban esta mañá, xunto ao alcalde, as aldeas vianesas afectadas polos arrastres

 

Ata os núcleos de Pradocabalos, A Bouza e Pixeiros, no concello de Viana do Bolo, desprazábase esta mañá o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde vianés, Germán García-Ávila, do deputado provincial de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago, e técnicos da AXi. Acudía para supervisar as obras de desentullo que se están a desenvolver en coordinación co ente provincial.

O delegado territorial puido comprobar o estado dos traballos necesarios de cara a avanzar na recuperación dos servizos e das infraestruturas danadas e impulsar actuacións que permitan dar unha resposta áxil ás necesidades dos veciños e veciñas.

Tras a reunión mantida o paso luns co alcalde vianés, a Xunta, da man da Deputación Provincial de Ourense, contratou a unha empresa especializada.  Están a revisar as tarefas de retirada dos residuos e materiais arrastrados polas riadas  co fin de favorecer a recuperación da normalidade no municipio e avanzar nos labores de limpeza e restauración das zonas afectadas.

Manuel Pardo salientou que no que se refire aos traballos de recuperación das infraestruturas afectadas, especialmente na rede viaria, en concreto na estrada OU-533, a Xunta actuou con axilidade para reparar os danos que as fortes choivas e arrastres dos terreos queimados o pasado verán causaron nun treito de 200 metros nesta estrada que une A Gudiña e A Rúa, no lugar de Pradocabalos. En 24 horas xa se restablecera a circulación en ambos os dous sentidos e séguese a traballar para retirar con axuda da maquinaria pesada os materiais arrastrados no pontón existente no punto afectado, e recuperar a normalidade o antes posible. O delegado territorial mantivo que os traballos en Pradocabalos  posiblemente estean rematados  a mediados do mes de xullo.

 

 

Pola súa banda, deputado provincial de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago, puido comprobar na Bouza, onde se centra a primeira fase da actuación, como se están a desenvolver os traballos de desentullo, dos que xa se executaron máis do 25 %. Ata o de agora, conseguíronse retirar máis de 1.200 metros cúbicos de entullo, o que equivale a máis de 80 viaxes de camións de carga.

Os primeiros días da intervención resultaron especialmente complexos debido ás dificultades de acceso á aldea e á necesidade de operar con extrema precaución pola proximidade das vivendas. Para garantir a seguridade, antes do inicio dos traballos realizouse unha rigorosa revisión técnica das casas máis afectadas para avaliar os posibles perigos de derrubamento.

Ao ritmo actual, a retirada de entullo na Bouza completarase ao longo desta mesma semana, cumprindo así un prazo de 10 días, para dar paso de inmediato á segunda fase de actuación dos traballos que se trasladará á localidade de Pixeiros, onde se estiman un mínimo de tres días máis de traballo.

José María Lago, que tamén se trasladou a Pradocabalos para coñecer a situación actual, expresou a súa confianza na positiva evolución do labores de desentullo, que realiza unha empresa contratada pola Deputación de Ourense mediante o procedemento de urxencia. “Estivemos desde o minuto un colaborando coa veciñanza dos pobos afectados, e seguiremos ata completar a retirada de todos os restos e devolver unha boa parte da normalidade a estes pobos”, dixo o deputado provincial trala visita, na que tamén participou o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo.

Back to top button