Cos nove votos a favor socialistas, tres en contra do BNG e a abstención do PP, resultaba elixido como novo alcalde do Barco, Aurentino Alonso Araújo, nunha votación a man alzada e na que unicamente se presentaba a súa candidatura. Unha elección que implicaba, previamente, a renuncia como candidata da concelleira Margarida Pizcueta, número dous da lista que concorría as últimas eleccións. A sesión plenaria extraordinaria para a súa elección tiña lugar este 1 de setembro ás 13:30h.
Tras ser proclamado alcalde e prometer o seu cargo como alcalde, pasaba a presidir a sesión e dáballe paso aos grupos da oposición, comezando polo BNG. O voceiro nacionalista, Manuel Agra, comezaba, como xa fixera no pleno de renuncia de Alfredo García como alcalde, cunhas palabras para “expresar a nosa solidariedade e o noso apoio a toda a veciñanza do concello e da comarca afectada polo lume. O noso agradecemento a todas as persoas que en situacións tan difíciles loitaron contra os incendios”. Deseguido explicaba o voto en contra do BNG ao novo alcalde, lembrando que no pleno de xuño de 2023 “o BNG votaba en contra de Alfredo García como alcalde do Barco, por coherencia, e dado que a prensa avanzaba a liña continuísta do candidato a alcalde, por coherencia política votamos tamén en contra de Aurentino Alonso como alcalde do Barco, iso non quere dicir que non lle desexemos acertos e moita sorte no seu novo cargo”. Igualmente agradecía os 16 anos de servizo público de Alfredo García como rexedor e desexáballe “toda a sorte para o futuro”.
Pola súa banda, a voceira nesta ocasión do PP, Maite Estévez, felicitaba en nome do seu grupo a Aurentino Alonso como novo alcalde, ao asumir este compromiso “ao servizo dos veciños, desexámoslle acerto e responsabilidade nesta nova etapa de transición que afronta este Concello”. Ademais os populares lamentaban que dende o PSdeG non se tivese considerado “a posibilidade de que a número 2 do equipo de goberno asumira o cargo, o que suporía un fito histórico ao converterse na primeira muller que asumiría a alcaldía barquense”.
Finalmente, o novo alcalde dirixía unhas palabra aos presentes, entre os que había membros da súa familia, amigos e compañeiros do partido socialista, entre eles o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Xosé Ramón Besteiro, entre outros, ademais de cargos como o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, deputados provincias, a alcaldesa de Petín e concelleiros socialistas doutros municipios da zona.
Alonso referíase en primeiro lugar “aos terribles incendios que veñen de arrasar o noso concello e toda a comarca de Valdeorras, e zonas naturais de valor incalculable próximas a nos e tantos outros lugares do noso país”. Ademais citaba, un a un, ás 21 aldeas do municipio que estiveron directamente afectadas polo lume no municipio, e expresaba a súa solidariedade coas persoas afectadas e o seu recoñecemento para quen loitou “sen descanso contra as lapas”. E adiantaba o seu compromiso como alcalde para que “a reconstrución do perdido sexa unha prioridade”.
Natural de Cartelle, Alonso lembraba que “hai xa máis de 35 anos que O Barco me abriu as portas de par en par, aquí atopei a miña casa, formei unha familia e naceu a miña filla. Dende entón ese pobo deume todo e hoxe sinto que chegou o momento de devolver tanta xenerosidade”. Comentaba ademais que “a política non é algo novo na miña vida”, matizando que leva 15 anos como concelleiro, pero “hoxe o reto é maior, ser alcalde do Barco non é só unha honra inmensa, é tamén un privilexio e sobre todo unha enorme responsabilidade, sei que o listón está moi alto, que queda moito por facer, pero tamén sei que a experiencia, os anos e as canas axúdannos a tomar as decisións con máis serenidade, non sempre gustarán a todos, pero gobernar con honestidade esixe valentía e ás veces hai que asumir esa peaxe”.

Antes de expresar as súas liñas de actuación, tiña uns recordos especiais para a súa familia, os seus compañeiros do partido socialista, en especial aos membros do grupo socialista municipal, e ao alcalde anterior, Alfredo García, agradecendo o seu legado; tamén ao persoal do Concello. Alonso cualificaba de “natural e democrático o relevo que hoxe se produce no Concello, o noso compromiso segue a ser o mesmo”.
Indicaba que “O Barco avanzará se todos remamos na mesma dirección, eu creo nun Barco máis amable, máis acolledor, cun futuro, nun Barco para vivir. Hai moitos proxectos en marcha e outros que chegarán”, e, nese senso, pedía a colaboración de todas as administracións. “O Barco como capital de Valdeorras ten que seguir sendo o motor de Valdeorras, e como tal, o defenderei”.

Adiantaba que “as liñas mestras do Barco que queremos están trazadas, un modelo de Barco sostible, acolledor e amigable, seguiremos impulsando a actividade económica e apoiando o tecido produtivo, protexendo o medio ambiente e apostando polo rural, impulsando o turismo e apoiando á cultura, potenciando os servizos sociais e apoiando ao tecido asociativo, aos clubs deportivo e as entidades de todo tipo, seguiremos mellorando as infraestruturas urbanas e rurais e seguiremos recuperando o patrimonio natural e arquitectónico, promovendo políticas para a infancia e a mocidade e buscando solucións ao problema da vivenda, reivindicando mellores comunicacións co resto de Galicia e de España e unha sanidade e proximidade e de calidade axeitada ás nosas necesidades”.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.

