SanidadeÚltima hora

Avanzan as obras no novo centro de saúde da Rúa

 

O Consello da Xunta abordaba onte un informe no que se detalla o nivel de desenvolvemento do Plan de Infraestruturas de atención primaria para a provincia de Ourense. Nos proxectos que o Executivo galego ten en marcha ten previsto investir máis de 30 millóns de euros.

Entre os inmobles sanitarios que a Xunta está a construír na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o Centro Integral de Saúde de Ourense destaca como a actuación máis ambiciosa dentro do seu primeiro nivel asistencial, ao estar previsto un investimento de 14 millóns de euros na súa construción. O proxecto, que neste intres está a ser supervisado, permitirá concentrar nun mesmo edificio os servizos de atención primaria ordinarios, a atención sanitaria urxente (PAC) e tamén determinados servizos especializados.

Pola súa banda, o centro de saúde da Rúa é o que se atopa máis avanzado a nivel construtivo, tras botar a andar as obras o pasado mes de xaneiro. Neste caso, e tras un investimento de case 2,9 millóns de euros, as novas instalacións disporán de 3 consultas de medicina xeral, 3 consultas de enfermería, 1 consulta de docencia, 3 salas polivalentes, 1 de odontoloxía e 1 sala de técnicas. Así mesmo, contará cunha área destinada á atención pediátrica, unha sala de lactancia e unha área específica para a saúde da muller.

A folla de ruta deseñada para as infraestruturas sanitarias de atención primaria da provincia de Ourense complétase co estudo de parcelas onde se emprazarán os futuros centros de saúde de Allariz, Montederramo, Viana do Bolo e de Mariñamansa, na cidade das Burgas.

Fotos: Mónica G. Bellver

Back to top button