
A XLI edición das Xornadas de Folclore comeza hoxe o seu percorrido pola provincia ourensá enchendo as vilas de músicas e danzas do mundo nun dos eventos culturais máis esperados do verán. A Praza da Constitución de Bande acollerá, a partir das 20,30 horas, a actuación de Ecuador, Serbia e Taiwán e o Parque do Aguillón de A Rúa recibirá aos grupos de Armenia, México e Senegal, ás 22,30 horas
Nestes 41 anos pasaron polos distintos escenarios máis de cen países dos cinco continentes. Agrupacións artísticas do máis alto nivel ofreceron ao público ourensá un amplo abano dos distintos folclores que teñen as súas raíces en cada país.
Armenia chega por terceira vez ás Xornadas de Folclore, a primeira foi no ano 2006, coa agrupación “Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center” como novidade.
Creado no ano 1977, o grupo ofrece un programa que amosa as danzas e rituais ancestrais do pobo armenio. Foi presentado en máis de 400 actuacións en Yerevan e outras cidades de Armenia e leva participado en máis de 50 festivais de folclore de todo o mundo, recompilando numerosos recoñecementos e premios.
O grupo ecuatoriano Elenco Nukanchik tamén é novidade nesta nova edición das Xornadas, aínda que o país xa estivo representado en dúas ocasións, nos anos 2008 e 2023.
Fundado no ano 2004 na cidade de Riobamba, ao sur de Quito, tivo dende o inicio o obxectivo de revitalizar a memoria cultural do pobo ecuatoriano. As manifestacións tradicionais da cultura montubia, afroecuatoriana, amazonia e andina do Ecuador forman parte do seu programa amosando ao mundo as diversidades culturais existentes no país sudamericano.
Mañá, 12 de agosto: Celanova e O Barco
Armenia, México e Senegal levarán os seus repertorios ata a o claustro do mosteiro en Celanova. O Festival comezará arredor das 20,30 horas.
Ás 22, 30 horas o Parque do Malecón acollerá as actuacións de Ecuador, Serbia e Taiwán. Tódalas actuacións son gratuítas.