
Coñecía Valdeorras a través do SilFest. Incorporábase ao seu equipo no 2023, levando a parte de comunicación. Iso permitíalle descubrir un festival pequeno, pero con moita identidade, ilusión e dinamismo e unha comarca que lle parece fascinante e que ten moito que ofrecer. Este será o segundo ano da coruñesa Bárbara González como xefa de comunicación dun festival, cuxa oita edición comezará o vindeiro 18 de xullo na praia fluvial do Malecón no Barco, cun programa cheo de propostas e nun marco único.
¿Cal é a función da área de comunicación do SilFest e cando comeza o seu traballo?
Levamos traballando dende comezos de ano, en concreto a partir de marzo. O primeiro é determinar de que maneira podemos comunicar os puntos fortes deste festival, tendo en conta que agora mesmo estamos nun momento de inflación deste tipo de eventos, pero cada festival ten o seu espazo, o seu oco, e cada un ten que comunicar o seu punto diferencial.
¿Cal é o punto forte ou diferencial do SilFest Valdeorras?
Non se trata só un festival de música, senón tamén dunha romaría na que se combina a parte musical coa gastronómica, e nela ten un peso moi importante a posta en valor do viño de Valdeorras. Tamén resultan moi interesantes as propostas para público infantil son moi interesantes e o feito de poder combinar de forma que o público adulto poida acudir cos seus fillos e que estes poidan estar desfrutando “sós” das actividades cos monitores.
Ademais está o marco incomparable no que se desenvolve o festival, no medio da natureza e ao mesmo tempo nunha zona urbana, na que dispós de todo tipo de servizos. Isto é outra clara diferenza con outros festivais que están un pouco illados e nos que ás veces os desprazamentos e atopar aloxamento supón algo máis complicado.
¿E como se comunica ese punto forte?
No noso caso facemos tanxible esa singularidade a través das publicacións en redes sociais, xa que estamos en Instagram, Facebook e Twitter, e tamén na páxina web, que temos pensado perfilar con máis cariño de cara ao que vén. A maiores disto figura a parte de comunicación con medios, é moi importante comunicarvos aos medios de comunicación o que se vai facendo para que esteades ao tanto do que se está realizando na zona que cubrides.
Unha comunicación tanto a medios convencionais como a revistas e medios especializados en música e festivais…
Efectivamente, pensamos que é moi relevante o foco local e incluso a nivel de Galicia, pero tamén o poñer foco en revistas especializadas porque tamén hai un número moi importante de persoas que veñen de fóra, de Ponferrada, de Madrid e doutros sitios de España, polo que comprobamos en número de entradas vendidas. Entón a maneira de alcanzalas é con eses medios especializados e contándolles o que ten de singular o festival e animándoos a vivir a experiencia.

¿En que consiste o seu traballo durante o festival?
O que facemos é un recordatorio de toda a axenda de actividades, porque a verdade é que temos unha programación moi completa. Como dicía antes, non se trata só dun festival de música, é unha romaría, na que están sucedendo moitas cousas, pero non ao mesmo tempo, intentamos que se desenvolva de forma un pouco organizada. Hai algúns festivais nos que se vas a unha actividade, teste que perder outra, entón intentamos que se poida ir a todo, sen tampouco agobiar e mesmo favorecendo que haxa espazos de tranquilidade. Por exemplo, temos unhas cadeiras entre os escenarios e a xente pode estar tranquilamente lendo un libro, relaxándose, bañándose…
E nos días do festival o meu traballo consiste fundamentalmente en hacer recordatorio das actividades e logo facer “o directo” do que está sucedendo nese momento.
Pola interacción que tedes co público a través das redes sociais, ¿cal é a súa reacción e receptividade con respecto ao festival?
Pois é moi boa, hai persoas que están moi enganchadas e que comentan cada publicación ou comparten, e outras que mesmo se amosan moi agradecidas, que che contan que veñen dende tal sitio de España, cos nenos… A verdade é que dá gusto contar con este tipo de persoas. Despois hai quen pregunta e plantexa dúbidas, e o meu traballo, non é unicamente publicar contidos, entón tamén resolver esas cuestións. O que si estamos notando é que o público demanda o festival.
¿Como se vive por dentro, dentro do equipo organizativo, a experiencia del SilFest con respecto a outros festivais nos que teña traballado?
Os días dun evento sempre son tensos porque xurden imprevistos, ito é inherente a calquera cousa que dependa do directo. Por exemplo, que alguén do cartel se poña enfermo e haxa que reemprazalo e comunicar isto aos usuarios.
Ti podes ter unha previsión axeitada das cousas e iso axuda a poder resolver situacións máis rapido, pero dende logo os imprevistos preséntanse, e a experiencia permíteche ir aprendendo como afrontalo. O feito de ter estado en festivais doutra magnitude e doutras características tamén che axuda a ter ideas para resolver un tema ou tomar decisións.

Pese a iso, ¿é unha experiencia bonita?
Sen dúbida, e sobre todo, en proxectos como o SilFest que son pequeniños pero están feitos con moito agarimo e moito sentido e que fuxen dese concepto de macrofestivais, onde eu creo que se perde a identidade, que son case expositores de marcas, que non se vende unha experiencia para vivir nun lugar, senón que eses macrofestivais pódelos pór en calquera outro sitio do mundo e sería o mesmo, non che comunica nada.
En cambio, este festival non é tan só SilFest Valdeorras, estás vivindo O Barco e comarca. Que, por certo, esta é unha zona que eu non coñecía e que visitei por primeira vez o ano pasado. Descubrín un lugar incrible e con moitísimas posibilidade. Ademais o SilFest vincúlate á gran riqueza social e paisaxística da zona, como os viños de Valdeorras, que son un mundo, ás paisaxes, ás rutas de sendeirismo… Isto non é tan só o SilFest é un gran estímulo para toda Valdeorras e este tipo de festivais, a min polo menos, son os que máis me gustan e supoñen un impulso económico máis para a súa área, para darse a coñecer e, ademais, implican outra cousa moi importante: respectan o entorno, á diferenza da macrofestas.