Neste 17 de xaneiro o adro da igrexa de Santa Rita, no Barco, era escenario ás 17:30h. do acto de bendición de mascotas, con motivo da celebración de San Antón Abade, protector dos animais. Numerosos veciños acudían coas súas mascotas, principalmente cans (de razas e tamaños moi diferentes), pero tamén había algún gato e hamsters para recibir a bendición, moi preto da imaxe do santo.
É xa o cuarto ano que o párroco do Barco, Jesús Álvarez, organiza esta celebración. Na súa intervención destacaba o fermoso que é ter unha mascota, pero tamén a importancia de saber atendela e coidala. Ademais pedíalles “civismo e responsabilidade” aos propietarios das mascotas, lembrando que cando os sacan a pasear pola vila teñen que recoller o que os animais deixan para manter limpas as rúas.
Ademais, no marco desta celebración, dende a parroquia organízase unha recollida de comida para mascotas que será doada ás protectoras da zona. Ás 18h. comezaba a misa na igrexa, á que algúns propietarios de mascotas asistían con elas.
Fotos e vídeo: O SIL.