PolíticaÚltima hora

Besteiro pídelle a Xunta que “poña todos os recursos para extinguir o incendio do vertedoiro da Rúa”

O líder dos socialistas galegos alerta do perigo para a saúde dos gases provocados por un lume que leva ardendo dende o pasado 15 de agosto provocado por un incendio forestal

Foto: Carlos G. Hervella.

 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pedíalle a Xunta que non mire “para outro lado” e que “asuma as súas competencias en materia de emerxencias e saúde pública”. Logo dunha visita que tivo lugar onte, Besteiro reclamoulle ao goberno galego que que poña tódolos recursos dispoñibles na extinción do incendio do depósito de Residuos Non Perigosos das Pedreiras, no Concello de A Rúa, que está a derivar nun problema de saúde pública.

O responsable socialista denunciou que a “despreocupación e o abandono de Rueda e o goberno galego a este concello do interior está a poñer en risco a saúde dos veciños e veciñas da Rúa e os concellos limítrofes afectados polo fume e os gases tóxicos provocados por un lume que leva 12 días ardendo”.

Critica que a “única resposta teña sido enviar unha nota de prensa sinalando a responsabilidade do Concello e limitándose a facer seguimento da calidade do aire cando se trata dun incendio qu “está a xerar un problema de saúde pública”. Lembra que o incendio foi provocado polo lume forestal Seadur – Larouco, e explicou que “nunca se nos ocorrería dicirlle a un particular que é a súa responsabilidade apagar o lume forestal que está a consumir a súa casa”.

Subliñou que “o que pasa na Rúa é a proba de como goberna Rueda: sempre ausente cando hai problemas” e lembrou que é o máximo responsable dun goberno que “desaparece cando hai que estar e dar a cara”, o que, engadiu, “co que está en xogo, é inaceptable”.

Besteiro estivo acompañado na súa visita pola tenente de alcalde do Concello de A Rúa, Ana Fernández, quen reclamou a “axuda” da Xunta para colaborar na extinción deste lume que suporía mobilizar ata 14.000 metros cúbicos de terras, ademais de equipamento especial para o persoal, uns recursos moi lonxe do alcance dun concello pequeno con recursos limitados.

A responsable socialista no Concello advertiu que “o incendio seguirá ardendo e contaminando ao Concello de A Rúa e aos do arredor mentres non poñan recursos enriba da mesa para axudarnos na súa extinción”.

 

Back to top button