Da importancia do sector vitivinícola galego e da necesidade de consolidado no marco das políticas europeas falaba este mediodía na visita que facía á XXV Feira do Viño de Valdeorras o número 2 na lista do BNG ás eleccións europeas, Bieito Lobeira, que estaba acompañado por outros cargos nacionalista como os deputados galegos Noa Presas, Iago Tabarés e Secundino Fernández, así como edís do BNG no Barco e na Rúa, entre outros.
“Nós celebramos estar aquí, na Feira do Viño de Valdeorras porque pensamos que este é un evento importante para a divulgación, para a posta en valor social e xa non é só algo cultural, senón dun sector produtivo moi importante para nós, para este país e para esta comarca de Valdeorras. O sector do viño en Galiza ocupa máis de 2.000 postos de traballo directos e moitos outros inducidos, ten unha capacidade moi importante e ten unha gran potencialidade”, dicía Lobeira.

O candidato do BNG dicía así mesmo que “nós cremos, defendemos, apostamos por que todo isto se poida consolidar, que se poida xerar máis beneficio e máis postos de traballo. E amosamos noso compromiso político claro de cara ás eleccións ao Parlamento Europeo consiste en que a reforma da Política Agraria Común (PAC) teña en conta as características singulares de Galiza e de comarcas como Valdeorras para promover tanto a elaboración e produción, como sobre todo os procesos de comercialización. Hai elementos para nós moi importantes, teñen a ver co base territorial para elaborar, para producir, teñen que ver coa necesidade de alarmas fitosanitarias en relación co tema vitivinícola, en materia de persoal coa formación, coa estabilidade laboral e coa dignificación dos postos de traballo, todos eles ligados ao mundo da produción de viño e así sucesivamente”.
Polo tanto, proseguía Lobeiro, “o que o BNG defende basicamente é o dereito, noso a poder producir, a poder producir viño de calidade e que todo isto redunde en beneficio do sector e do conxunto da sociedade. Temos esa capacidade, fagámolo. Nós somos nacionalistas, apostamos polo noso e dende logo isto é o que imos defender no Parlamento Europeo”.
Fotos: A.R.
