A música en directo soa dende o mediodía deste 6 de xuño na terraza do Bar Barbudos, na céntrica praza Lauro Olmo do Barco. A partir das 13h. comezaba a segunda edición do “Barbudos Fest”, cunha sesión vermú a cargo de Dj Repunante, que congregaba xa a numerosas persoas.

Os concertos comezarán ás 19 horas e prolongaranse ata a medianoite aproximadamente, cunha serie de propostas musicais que irá in crescendo. Nesta ocasión contarán con dúas bandas formadas en Ourense, Acidproyect e Terminal Terror, que porán o broche ao festival; os valdeorreses Navegando a Barlovento; e outra banda de Santiago, Sicixia.
O festival é gratuíto e está organizado polo responsable do bar, Feliciano Fernández (Feri) e o seu irmán Roberto.
Fotos: Carlos G. Hervella.

