Cunha excelente acollida e coa meirande parte das prazas cubertas, desenvolvíase esta tarde no salón de actos do Hospital Público de Valdeorras, no Barco, a charla sobre “Saúde bucodental en pacientes oncolóxicos”. A sesión comezará ás 16h. e estaba impartida pola hixienista dental dos Centros de Saúde do Barco e da Rúa, Yolanda Fernández.
Esta divulgativa achega diversos consellos e recomendacións, ademais de solventar multitude de dúbidas, de cara a mellorar o estado da cavidade oral, antes, durante e despois dos tratamentos de quimioterapia e radioterapia para, dese xeito, intentar mellorar a calidade de vida e paliar os efectos secundarios do tratamento.
Comeza expoñendo a relevancia da hixiene bucal. “O cepillado logra remover os restos alimenticios e as bacterias da cavidade bucal. Estes restos favorecen a aparición dunha película pegada aos dentes, chea de bacterias producindo unha infección na encía e caries. Se os tecidos xa se atopan danados ou sensibilizados polos tratamentos oncolóxicos, calquera acumulo de placa bacteriana sobre os mesmos van agravar a situación do estado da nosa cavidade bucodental”, indicaba Yolanda Fernández.

Ao mesmo tempo, a hixienista explicaba como deben afrontar os pacientes oncolóxicos un lavado de boca, tendo en conta os tratamentos de radioterapia nos casos de cara e pescozo, e como éstes lle van afectar ás encías. “O que máis se soe dar é que teñan unha mocosite, é dicir, unha inflamación da mucosa da boca, entón o cepillado para eles resulta moi difícil, teñen que usar cepillos ultrasuaves, canto máis mellor, e con cabezal redondo, porque ás veces é insoportable pasar ese cepillo polos dentes e polas encías. E haino que reemprazar con frecuencia. En moitas ocasións teñen que abrandar con auga quente o cepillo, e incluso teñen que usar un isopo de escuma en zonas como padal ou lingua, ou mesmo recorrer a unha gasa húmida para quitar esa placa dental que afecta ás encías. E o cepillado ten que ser inmediatamente despois das comidas e facelo con tranquilidade e calma e se non se pode cepillar ás tres veces ao día, imos priorizar o cepillado da noite”.
Outra recomendación que achegaba Yolanda González para previr a mocosite durante a quimioterapia era a de “chupar xeo, que se pode facer na casa, engadíndolle uns zumes de laranxa, de manzanilla”.
Ademais insistía en que resulta “moi relevante hidratar a cavidade oral por falta de saliva, algo que sofren moitos pacientes. Pódese humedecer a boca con auga, saliva artificial ou lubricantes hidrosolubles de uso bucal ou empregar con certos produtos que revistan a mucosa e a protexan, e na charla achegamos algunhas mostras deles. É importante que conteñan ácido hialurónico. Tamén hai que aplicar lubricantes despois de cada limpeza, á hora de deitarse ou cando sexa necesario. Ademais débese hidratar os labios e para iso é mellor non usar vaselina porque é un derivado do petróleo e produce máis sequedade ou agretamento. Recoméndase usar aceites de orixe animal ou vexetal como os cacaos de manteiga de cera de abellas”.
A hixienista Yolanda Fernández valoraba moi positivamente o resultado da charla, que cualificaba ademais de moi gratificante pola resposta e participanción das persoas asistentes, e adiantaba a intención de propoñer a realización doutra deste tipo na Rúa e de impartir outra dentro de seis meses no Barco. “Esta formación ten que ser continúa”, concluía.
Fotos cedidas.