SanidadeÚltima hora

Boa acollida das I Xornadas “Coidar a quen coida”, en Quiroga

Cedida.

 

As I Xornadas “Coidar a quen coida” desenvolvíanse o sábado 18 de abril en Quiroga. Este evento, totalmente gratuíto, estaba organizado dende as Concellerías de Igualdade e Servizos Sociais deste municipio e ía dirixido ás persoas coidadoras ofrecéndolles formación, apoio e recoñecemento. Na xornada participaban máis de corenta coidadoras profesionais de atención a persoas en situación de vulnerabilidade e persoas con obrigas familiares ao seu cargo en xeral.

O programa da actividade comezaba cunha breve recepción e benvida a cargo dos concelleiros Xosé Manuel Fernández e Maite Pérez Grao que daría paso a unha mesa redonda. Baixo o título de “O esgotamento do coidador (Síndrome de Burnout), na mesa redonda participaban: Galia Fernández García (Traballadora Social e coordinadora Attende Care S.L.), Ana de la Torre Alvaredo (Traballadora Social dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Sober), Esther Mariño Casanova(Psicóloga do CIM de Quiroga), Eva Rodríguez Macía (Médica de familia no Centro de Saúde de Quiroga) e Miluska Apolinaria Barreto Mayon (Coidadora profesional).

Durante a mesa redonda, na que tamén interactuaba o público, púxose de manifesto a dificultade para descansar, sobre todo mentalmente, neste tipo de traballos, como se detecta o Síndrome de Burnout e a necesidade de desconectar para non chegar a este esgotamento.

Tras unha pausa para compartir un café e socializar comezarían as actividades máis relaxadas da xornada. Dous obradoiros polos que pasarían todas as participantes divididas en dous grupos: un “Círculo de benestar”, impartido por Paula Santos; e unha “Viaxe interior”, impartida por Teresa Taboada.
Tras o xantar realizarase unha visita guiada ao Museo Etnográfico de Quiroga. As participantes recordaron, mentres recorrían as distintas salas do museo, épocas pasadas non tan lonxanas, pero nalgunhas actividades xa esquecidas.

Antía Vidal, Antía Costas e Marta Doviro, coa súa Impro teatral ‘Coidado coa risa”, encargáronse do momento máis divertido da xornada e conseguiron que as risas soaran no salón de actos da Casa da Cultura.
Este momento distendido levaría ás participantes ata a derradeira actividade da xornada, unha cata de viños a cargo da adega local Val de Quiroga. As participantes tiveron ocasión de catar e degustar un viño branco e outro tinto elaborados nesta adega.

As primeiras Xornadas Coidar a quen coida, que foron clausuradas polo equipo do Goberno Local remataban cunha degustación de produtos da zona.

Dende a Concellería de Igualdade do Concello de Quiroga, “valorase moi positivamente a boa acollida desta primeira xornada de Coidar a quen coida. Creemos que foi un recoñecemento moi necesario a todas aquelas persoas coidadoras, xa sexan dentro do ámbito profesional ou do familiar. Cremos que as participantes disfrutaron dunha xornada de lecer e risas onde non faltaron momentos de compartir inquedades e tamén consellos para saber identificar o chamado síndrome de Burnout.

Pola súa banda, Xosé Manuel Fernández, dende a Concellería de Servizos Sociais, afirma que “deseñamos esta actividade conxuntamente coa Concellería de Igualdade para visibilizar o imprescindible traballo das coidadoras, tanto profesionais como domésticas, para concellos envellecidos como o noso”. Ademais “cremos que se cumpriu o obxectivo desta primeira edición, que era poñer o foco na concienciación de coidar ás nosas coidadoras. Nese senso, polo que nos chegou ao final do encontro, as participantes pasaron un día moi ameno, distendido, de socialización e entre risas”. “Dado o éxito desta primeira edición, esperamos repetir para o vindeiro ano”.

Back to top button