
Co obxectivo de “ofrecer aos veciños do Barco e visitantes unha experiencia festiva única que complemente a xornada gastronómica por excelencia da comarca”, O Pub Opium (rúa Abdón Blanco, 12) organiza o “Botelo Fest”, unha xornada de “tardeo” e noite ininterrompida cunha ampla programación e entrada de balde para o vindeiro 17 de xaneiro.
Esta iniciativa privada arrancará arredor das 18:30 horas coa actuación da Charanga El Tattoo. Con esta aposta, o local “busca trasladar a ledicia das rúas ao interior do establecemento, iniciando unha tarde de celebración que promete non dar tregua”, aseguran, destacando a gran variedade da programación musical deseñada polo pub. “Durante toda a tarde e boa parte da noite, os asistentes poderán desfrutar dos grandes éxitos dos anos 80, 90 e 2000, así como da imprescindible música de verbena, creando un ambiente ideal para todas as idades”, avanzan.

E xa a partir da medianoite, a festa subirá de intensidade coa sesión especial de DJ Dani Martinn, que compartirá cabina co DJ residente Isra. “Ambos serán os encargados de poñer o broche de ouro a unha xornada onde o Pub Opium será o punto de encontro obrigatorio para todos os que queiran celebrar en grande o día especial do Barco”, din dende a dirección do local convidando a toda a vila a sumarse a este evento. “Queremos que a xente sinta que o ‘Botelo Fest’ no Opium é a casa de todos. Preparamos unha xornada con moito agarimo para que o día grande do Barco se viva cunha enerxía especial dende a tarde ata que o corpo aguante”.