En portadaÚltima horaVídeos

Brindes de viño novo, saborosos petiscos e música, na XVII Festa da Vendima de Punxeiro (Viana do Bolo)

 

“Viva Punxeiro e Viva a Festa da Vendima!”. Con este berro que convidaba á celebración, cobraba vida na tarde deste sábado 11 de outubro nunha de praza de Punxeiro ateigada de xente, a XVII Festa da Vendima-Ruta das Adegas desta aldea vianesa.

 

 

Este evento, que mestura a tradición co viño, a gastronomía e a festa, arrancaba co habitual pregón a cargo da organización. “Punxeiro é un pobo que, ano tras ano, abre as portas das súas adega, das súas casas e do seu corazón. Se sodes de Punxeiro, sentídevos orgullosos e, se sodes de fóra, sentídevos como en casa”, dicían nesta edición.

 

 

Ademais a organización, en mans da Comisión de festas de Punxeiro en colaboración co Centro de Animación Rural, agradecía o apoio das empresas e comercios que fan posible esta festa. “Grazas aos negocios colaboradores de Viana do Bolo, da Gudiña, Vilariño de Conso, de Valdeorras e ata de Madrid, grazas por apostar por Punxeiro”. Tamén expresaba o seu agradecemento ao apoio do Concello de Viana do Bolo e da Deputación de Ourense.

 

 

 

 

A partir de aí explicábase a dinámica da ruta, cun esquema idéntico ao das anteriores edicións e no que podía participarse tras adquirir unha entrada, ben de xeito anticipado ou ben esa mesma tarde á entrada de Punxeiro. As adegas íann abrindo de tres en tres e as tres charangas que actúan este ano (Caliqueños, Nova de Trives e TDB) guiarán ao público cara elas.

 

 

 

 

Cando esas pechen, abrirán as tres seguintes cando as charangas cheguen ás súas portas. E así ata completar un circuíto de 14 adegas coa posibilidade de degustar brancos e tintos, acompañados de saborosos petiscos salgados, pero tamén doces.

 

 

 

Arredor das 23:30h. pecharán as adegas e a celebración trasladarase ata o campo da festa coa actuación do Grupo Assia e da Orquestra Panamá Band.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button