CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Budiño chega coa súa xira “Branca Vela” o 10 de agosto á vila de Manzaneda

Actuará coa súa banda a partir das 21:30h. na zona do CEIP Manzaneda

 

O vindeiro 10 de agosto, Budiño visitará Manzaneda nun dos concertos máis especiais deste verán. O artista presentará “Branca Vela”, o seu novo espectáculo, unha proposta que combina unha potente posta en escena, unha coidada produción audiovisual e un universo sonoro no que tradición e vangarda dialogan con naturalidade. A actuación, dentro do programa “Concertos do Xacobeo”, terá lugar a partir das 21:30h. no CEIP Manzaneda.

Sobre o escenario, Budiño percorrerá o seu propio camiño musical a través dun repertorio que une a forza da percusión tradicional coa electrónica orgánica, construíndo unha experiencia intensa, emocionante e chea de matices.

A súa banda está formada polo propio Budiño (voz, gaita, frautas, guitarra, electrónica), Marina Vidal (voces, percusión tradicional, violín), Fran Barcia (voces, acordeón, percusión, teclado), Ismael Marcos (voces, percusión tradicional, pads) e Andrés Boutureira (voces, percusión tradicional).

“Branca Vela” é un concerto pensado para emocionar e sorprender, unha viaxe sonora que reafirma a identidade única dun dos artistas máis innovadores da música galega e que chega a Manzaneda para converter a noite do 10 de agosto nunha cita imprescindible.

 

Back to top button