CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Burning leva os seus 50 anos de rock ao Carballiño dentro do festival Ou Yeah!

A Praza da Veracruz acollerá este venres 31 de xullo a segunda data do festival nunha cita de balde e ao aire libre

 

O Festival Ou Yeah! continúa a súa viaxe pola provincia e prepárase para a súa segunda data. Despois do éxito do pasado 6 de xuño en Expourense, o festival trasládase este venres 31 de xullo ao Carballiño cunha das propostas máis agardadas do seu cartel: o concerto gratuíto de Burning na emblemática Praza da Veracruz.

Na rolda de prensa celebrada esta mañá na propia praza que acollerá o concerto, Jose M. Freiría, en representación da organización, quixo “agradecer ao Carballiño por apostar polo Ou Yeah!”, destacando a importancia da vila para “axudar a poñer en valor outros lugares da provincia de Ourense”. Ademáis, Freiría sinalou que xa están “pensando nun 2027 que supoña a consolidación real do proxecto”.

Pola súa banda, Marcos Gómez Román, comisario do Xacobeo 2027 en representación da Xunta de Galicia, destacou a necesidade de descentralizar a oferta: “Temos música e gastronomía, e temos que chegar a todas partes. Eventos coma este teñen un gran impacto no ámbito económico, xerando emprego e poñendo en valor todo o que ten Galicia”. Nesta mesma liña, Marcos Vázquez Guzmán, director da Área de Cultura da Deputación de Ourense, sinalou o acerto da localización: “Que mellor sitio que esta praza, símbolo da identidade da xente do Carballiño”.

 

 

En representación do concello anfitrión, o alcalde en funcións do Concello do Carballiño, José Castro-Gil, puxo o foco na coincidencia das datas festivas na localidade, convidando a todos a achegarse para “gozar da cociña de Ourense e da boa música xunto coa Festa do Viño do Carballiño; todo o mundo é benvido”.

Así mesmo, Manuel Dacal, concelleiro de Turismo do Concello do Carballiño, fixo fincapé en dar as “grazas á organización por escoller O Carballiño e a Praza da Veracruz, xa que é un entorno idóneo para facelo”. Dacal valorou moi positivamente a colaboración entre institucións e engadiu entre risas que “a todos nos gusta Burning”, convidando a veciñanza e visitantes a non perderse a cita.

O festival Ou Yeah! está organizado por Escena Sonora e Thinking Up Events, co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia no marco de Concertos do Xacobeo, da Deputación Provincial de Ourense e do Concello do Carballiño.

 

 

Cinco décadas de rock canalla na Praza da Veracruz

Burning, unha das grandes iconas do rock and roll estatal, será a gran protagonista da noite. Con Johnny Cifuentes á fronte, a banda madrileña chega á provincia de Ourense nun momento moi especial, celebrando os seus 50 anos de historia sobre os escenarios. Cancións que a día de hoxe recoñecemos como himnos do rock nacional, como “¿Qué hace una chica como tú en un sitio como este?”, “Mueve tus caderas” ou “Una noche sin ti” resoarán nun directo cargado de enerxía, actitude e esa elegancia canalla que os caracteriza. Un concerto deseñado tanto para os fieis seguidores que creceron cos seus discos como para as novas xeracións que descobren agora o rock clásico.

O concerto, con entrada libre, comezará ás 22:30 horas e a experiencia completarase no propio recinto coa Zona Gastronómica Grupo Cuevas, onde os chefs de Cociña Ourense ofrecerán as súas creacións para maridar a mellor música en directo co sabor da gastronomía local.

Rumbo ao broche de ouro con Luz Casal

A cita do Carballiño supón o ecuador desta segunda edición do Ou Yeah! Tras a descarga de rock deste venres, o festival enfocarase xa na súa última parada da tempada: o agardado regreso de Luz Casal á cidade de Ourense despois de sete anos. O concerto de peche terá lugar o 4 de outubro no Pazo dos Deportes Paco Paz.

 

 

Back to top button