
Na vindeira semana celebrarase no Colexio Pablo VI da Rúa a Semana de Orientación Profesional 2026, unha iniciativa educativa organizada dende o Departamento de Orientación que nace co propósito de “axudar aos mozos para descubrir o seu camiño, recoñecer as súas capacidades e comprender que cada talento ten un lugar e un valor na sociedade”.
Baixo o lema “Cada talento conta”, a semana xirará sobre a idea de que non existe un único modelo de éxito nin un só itinerario profesional.” Cada persoa ten habilidades, intereses e vocacións diferentes, e o noso obxectivo é ofrecer ao alumnado experiencias que lles permitan coñecerse mellor e empezar a construír o seu propio proxecto de vida”, explican dende o Departamento de Ourientación, asegurando que durante estes días o centro converterase nun espazo de encontro entre o mundo educativo e o mundo profesional.

O programa reúne a profesionais de ámbitos moi diversos (arte, comunicación, ciencia, educación, empresa, enxeñería ou sanidade) que compartirán a súa experiencia a través de charlas, coloquios, talleres e encontros co alumnado. Entre as actividades previstas destacan talleres como “Descobre as túas habilidades”; experiencias prácticas como “Científico por un día”; encontros sobre titulacións universitarias e saídas didácticas para coñecer de cercado a que dedícanse profesionais da contorna máis próxima. “O obxectivo é que os estudantes poidan ver, escoitar e preguntar directamente a quen xa están adesenvolver a súa vocación”, destacan.

A portada do programa, creada pola pintora Lola Doporto, marca de forma plástica a folla de roteiro do programa. A súa obra representa o que ela denomina “a cartografía da vocación” e dende o centro gradecen especialmente a súa colaboración. “Na súa pintura observamos o perfil dunha mente en construción: un espazo interior onde conviven coñecemento, imaxinación e experiencia. Os libros simbolizan a aprendizaxe, o bufo a sabedoría e a reflexión, e os elementos cósmicos evocan as ideas, a curiosidade e as posibilidades infinitas que cada persoa alberga. Todo iso lémbranos que a vocación non é algo fixo nin inmediato, senón unha estrutura que se constrúe co tempo, a partir do que aprendemos, exploramos e descubrimos sobre nós mesmos”, explican dende a organización, asegurando que esta imaxe “resume perfectamente o espírito da Semana: acompañar aos mozos na construción do seu propio camiño”.

Dentro do programa destacan tamén a participación de José María Suárez Quintanilla, presidente da Unión Profesional de Galicia, médico e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que compartirá a súa experiencia co alumnado. “A súa intervención enmárcase ademais dentro do Tour Profesional, unha iniciativa que conecta a máis de 30 institucións culturais e educativas e que permite achegar aos estudantes distintas realidades profesionais e académicas”.

A Semana concluirá cunha proposta moi especial que simboliza que as vocacións poden xurdir tamén da creatividade e a arte. Así, o Mago Deimi (Damián Varela) será o encargado da clausura cun espectáculo que combina técnica, humor e ilusión, lembrándonos que a maxia tamén pode ser unha profesión cando se une talento, formación e paixón.

“Cremos firmemente que orientar non é dirixir, senón abrir horizontes. E que cando unha persoa descobre aquilo que lle apaixona e para o que ten talento, non só mellora o seu propio futuro, senón tamén o de toda a comunidade”, din dende o Departamento de Orientación do Pablo VI, destacando que por iso esta semana é tamén unha invitación a familias, profesorado e institucións a participar activamente. “A orientación profesional é unha tarefa compartida”, din, desexando que “cada estudante saia desta experiencia cunha idea clara: que o seu talento importa, que a súa vocación pode construírse, e que o seu futuro está cheo de posibilidades”, porque, efectivamente “cada talento conta”.